A escritora Laura Espido Freire protagoniza a segunda cita do Ciclo de Cultura Científica da Xunta
Esta nova sesión ‘Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo’ terá lugar mañá, 22 de abril, ás 18,00 horas na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura
A escritora Espido Freire será a protagonista da segunda cita do Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia dirixido a público en xeral, comunidade educativa e docentes. Trátase dunha iniciativa que, nesta segunda edición, leva o título de Tecnoloxía con sentidiño e aborda temáticas como o uso desta nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.
Esta nova sesión, que leva por título Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo, terá lugar mañá, 22 de abril, ás 18,00 horas, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Nela, a escritora afondará na transformación do xeito de transmitir os contidos, os desafíos que iso xera e a oposición dos que identifican a seriedade dunha materia cun xeito determinado de comunicación. Neste senso, Espido Freire tamén abordará a divulgación dos contidos no eido da ciencia e as diversas canles polas que pode realizarse de xeito profesional ou como un complemento á vocación didáctica.
A escritora Espido Freire, nada en Bilbao, provén dunha familia de orixe galego. Licenciada en Filoloxía inglesa e diplomada en Edición e Publicación de Textos pola Universidade de Deusto, debutou como escritora no ano 1998 con Irlanda, unha novela que lle supuxo o Premio Millepages. Ano e medio despois fíxose co Premio Planeta pola súa obra Melocotones helados, sendo a gañadora de menor idade na historia deste galardón.
En total suma nove novelas publicadas, ademais de varios libros de contos, ensaios, poemas e libros ilustrados. Así mesmo, tamén é colaboradora habitual en diferentes medios de prensa nacional e realiza de xeito constante labores de divulgación cultural e intervencións en programas de animación á lectura a nivel nacional.
Charlas ata o mes de xuño
O programa de conferencias continuará ata o mes de xuño cun amplo abano de profesionais co obxectivo de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións sobre o uso da tecnoloxía. Así, tras Espido Freire será a quenda de José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, que o 2 de maio afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.