Román Rodríguez comparte a importancia das ensinazas deportivas cos profesionais Aíto García Reneses, Xisco Gil e Pepe Casal
O exseleccionador olímpico de Baloncesto, o seleccionador olímpico de Vela e o expreparador físico da Selección Olímpica de Baloncesto participan nas ‘Charlas olimpismo e deporte’
A actividade encádrase no programa didáctico das ensinanzas de Baloncesto e de Vela que se imparten neste centro
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, co gallo das Charlas olimpismo e deporte nas que participan o exseleccionador olímpico de Baloncesto Aíto García Reneses; o seleccionador olímpico de Vela, Xisco Gil, e o expreparador físico da Selección Olímpica de Baloncesto Pepe Casal.
O responsable autonómico de Educación agradeceu a participación “destas lendas do mundo deportivo” nesta actividade e compartiu con eles a importancia que teñen as ensinanzas deportivas na formación dos profesionais do futuro. “É unha honra para nós contar con estes convidados de primeiro nivel para ofrecer unha experiencia educativa extra ao alumnado que cursa as ensinanzas de Baloncesto e Vela”, engadiu.
Neste senso, Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, explicou que os ciclos deportivos como os que se imparten neste centro de Vilagarcía de Arousa englóbanse nas ensinanzas de réxime especial, que este curso realizan 27.000 alumnos. “Trátase dunha vía que se consolida ano tras ano como unha opción académica e de saída profesional de calidade”, sinalou.
Programa da xornada
O programa previsto para a xornada de hoxe comezou cunha conferencia sobre baloncesto impartida por Aito García Reneses para alumnos do grao medio e superior das ensinanzas de Baloncesto como xogadores, adestradores, árbitros e afeccionados. Os actos continuarán cun foro pola tarde no auditorio de Vilagarcía de Arousa con Xisco Gil, actual seleccionador olímpico de Vela, e Pepe Casal, preparador físico que ten traballado para o Obradoiro, a Selección nacional ou na formación de xogadores como Pau Gasol.