Román Rodríguez anuncia que o alumnado do instituto IES Valle-Inclán poderá estrear as primeiras aulas novas a partir do luns

Salienta a envergadura da obra neste edificio histórico que cualifica como “unha das catedrais educativas que temos en Galicia” cun investimento de 4,7M€

Felicita á dirección do centro, ao profesorado, ao alumnado e ás familias pola súa colaboración e apoio neste proceso, que se está desenvolvendo de xeito satisfactorio

Ven, 19/04/2024 - 13:50
v

O alumno do Instituto IES Valle-Inclán de Pontevedra poderá estrear as primeiras aulas novas a partir do vindeiro luns. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao centro educativo para supervisar o desenvolvemento dos traballos.

Segundo explicou o titular de Educación do Goberno galego, trátase de nove aulas do terceiro andar do edificio que xa están totalmente rematadas no interior e tan só resta limpalas e colocar o mobiliario, polo que a partir do luns xa estarán en uso. Xunto con estas aulas, proxectadas para na fase 1 da rehabilitación integral do centro, tamén xa están operativos desde hai varias semanas o ximnasio e os vestiarios do semisoto.

Román Rodríguez subliñou que, pese a envergadura da obra e ás condicións climatolóxicas adversas deste inverno, estanse seguindo os tempos marcados no cronograma de planificación da mesma, xa que agora remata a primeira fase e comeza a segunda. Nesta próxima fase acometerase o remate outras nove aulas máis así como a retirada dos módulos exteriores, que está previsto que deixen de usarse en xuño.

Envergadura loxística e técnica

O conselleiro aproveitou para felicitar ao conxunto da comunidade educativa, entre os que destacou o equipo directivo do instituto, os docentes, o alumnado e as familias, pola súa implicación e apoio nesta obra que é a de maior envergadura a nivel técnico e loxístico que está a levar a cabo a Consellería. “Dá boa conta da súa magnitude as 326 ventás de 33 tipoloxías diferentes que hai que facer ah hoc, en madeira de castaño, co fin de realzar a tipoloxía orixinal deste edificio histórico singular que é unha catedral educativa”, subliñou.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional inviste un total de 4,7M€ nesta rehabilitación integral da que é a maior obra que se está realizando nestes momentos nun centro educativo galego. A intervención arrancou a mediados de setembro do ano pasado e prevese que estea totalmente rematada a comezos de 2025.

Tras o remate da primeira fase, agora dará comezo a segunda fase, que suporá ir actuando na cuberta, no reforzo de forxados, falsos teitos, acabados interiores e iluminación doutras nove aulas, polo que quedarían outras nove aulas máis pendentes así como as zonas comúns.

Edificio de arquitectura ecléctica

Cómpre salientar que o Instituto IES Valle-Inclán está situado nun edificio histórico singular con características da arquitectura ecléctica de finais do XIX e elementos do Art Nouveau, que iniciou a súa construción en 1908. Desde entón foi obxecto de diferentes obras de reforma e reparación de distinta envergadura, realizándose a última gran intervención no ano 1972.

Agora entra nunha nova etapa coa obra de maior calado desde hai cinco décadas que inclúe a rehabilitación enerxética, estrutural e funcional deste instituto histórico, programada ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, e que redundará nun aforro de preto do 60% de enerxía no centro.