Román Rodríguez sinala como unha prioridade de goberno a tolerancia cero contra o acoso escolar

Grazas ao novo plan, o 100% dos centros contan xa co punto laranxa, actualizouse o protocolo contra o acoso e constituíronse os equipos de actuación

“Traballamos coa Consellería de Sanidade para apoiar ás vítimas e moi pronto presentaremos as primeiras campañas de sensibilización”, explica

Mér, 17/04/2024 - 12:53
a

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe como unha prioridade de Goberno “a loita contra o acoso e o ciberacoso, co obxectivo da tolerancia cero neste tipo de conductas”. Na inauguración da primeira Xornada de formación dos Equipos de actuación contra o acoso escolar, o titular do departamento educativo da Xunta reafirmou o compromiso da Xunta co “reto de país” de eliminar dos centros educativos calquera forma de violencia ou discriminación, para o que se están a implementar as diferentes medidas do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar.

Román Rodríguez destacou os avances alcanzados desde a aprobación deste devandito plan a finais do ano pasado. “Ademais de actualizar o protocolo contra o acoso e o ciberacoso, o 100% dos centros educativos contan xa cun punto laranxa para denunciar anonimamente posibles situacións e hoxe comezamos coa formación destes Equipos de actuación contra o acoso escolar, que xa foron constituídos en cada centro”, dixo.

“Ademais, xa estamos traballando de xeito coordinado coa Consellería de Sanidade para apoiar ás vítimas, cun proceso de deriva prioritaria aos servizos de saúde mental, tanto para a diagnose como para a intervención terapéutica e moi pronto presentaremos as primeiras campañas de sensibilización, deseñadas para chegar especialmente á mocidade”, incidiu.

O conselleiro explicou que se traballa desde a detección precoz, prestando atención aos primeiros indicios, fomentando a confianza e ofrecendo apoio emocional e salientou a importancia de actuar desde unha perspectiva transversal e integral entre os diferentes departamentos da Xunta que teñen vinculación con este ámbito. Tamén puxo de manifesto a necesidade de facer partícipes e responsables a todos os axentes que poidan ter relación cunha situación de acoso, ”desde o persoal docente, pasando polo alumnado e, por suposto, coa implicación das familias”.

Relatorios de especialistas

O conselleiro agradeceu aos 600 docentes asistentes a súa participación nesta xornada: “O voso traballo é fundamental para acadar este obxectivo común e, por iso,  gardo que esta primeira xornada de formación contribúa á vosa correcta formación nesta tarefa”.

Ao longo do día asisten a diferentes relatorios para abordar o acoso e o ciberacoso desde unha perspectiva integral. Deste xeito, cóntase coa participación do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, que afonda nas medidas de prevención do acoso escolar na rede; e de Alexandre García Caballero, psiquiatra e coordinador de programas de prevención e promoción da saúde mental do Sergas, cunha aproximación sobre a repercusión destas condutas na saúde mental do alumnado.

Ademais, o fiscal delegado autonómico da Unidade Especializada de Menores da Fiscalía Xeral do Estado e fiscal delegado adscrito á Rede de Fiscais de Cooperación Xurídica Internacional, José Manuel Ucha, está a cargo da mesa redonda sobre a abordaxe xurídica destas situacións; mentres que Víctor Salgado Seguín, socio-director en Pintos&Salgado Abogados, é o encargado de achegar a perspectiva da confidencialidade e a protección de datos.

A xornada péchase cunha mesa redonda sobre a utilidade da entrevista como ferramenta de escoita e apoio fronte o acoso escolar, da man de Mónica Rodríguez Enríquez, profesora do departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación da Universidade de Vigo.

A xornada pode seguirse a través da canle de educación da Xunta en YouTube.