A FP galega demostra a súa calidade ao alzarse con nove medallas no campionato Spainskills
O alumnado da FP galega obtén tres medallas de ouro nas categorías de Desenvolvemento web, Panadaría e Recepción hoteleira; cinco de prata en CNC Fresado, Escaparatismo, Floraría, Servizo de restaurante e bar e Sistemas robóticos integrados, e unha medalla de bronce en Tecnoloxía do automóbil
Os centros galardoados nesta edición son o IES San Clemente, o CIFP Paseo das Pontes, CIFP Manuel Antonio, IES Politécnico de Vigo, IES Ramón Menéndez Pidal, CIFP A granxa, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Politécnico de Lugo e IES As Mariñas
Galicia queda en terceira posición en número de medallas, só por detrás de Andalucía e Valencia
A FP galega demostrou toda a súa calidade nas Spainskills 2024, o campionato nacional no que o equipo de Galicia se alzou con nove medallas. A aposta da Xunta por fortalecer estas ensinanzas xa ten dado os seus froitos en numerosas ocasións, tanto nestas olimpíadas estatais como nas europeas e mundiais.
A delegación galega obtivo tres medallas de ouro, cinco de prata e unha de bronce. Queda, así, na terceira posición no medalleiro, só por detrás de Andalucía e Valencia.
Representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acompañaron ao alumnado e profesorado participante na competición durante estes días e transmitiron hoxe o orgullo que supón para o sistema educativo galego o resultado acadado nesta cita.
A relación de galardóns acadados por Galicia é a que se reflicte na seguinte táboa:
Medalla |
Especialidade ou skill |
Equipo galardoado |
Ouro |
Desenvolvemento web |
Centro: IES San Clemente (Santiago) Alumno: Ezequiel Soto Seoane Titora: Cristina París Brandariz |
Ouro |
Panadaría |
Centro: CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) Alumna: Maria Bazar Verdes Titora: Avelina Amado Fernandez |
Ouro |
Recepción hoteleira |
Centro: CIFP Manuel Antonio (Vigo) Alumna: Laura Pereira Ramilo Titor: Roi Álvarez González |
Prata |
CNC Fresado |
Centro: IES Politécnico de Vigo (Vigo) Alumno: Pedro Rodríguez Rodríguez Titor: Javier Fondevila Blanco |
Prata |
Escaparatismo |
Centro: IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña) Alumno: Antía Fernández Loureiro Titor: María Soledad Seoane Sobrino |
Prata |
Floraría |
Centro: CIFP A Granxa (Ponteareas) Alumna: Carmen Regueira Fernández Titora: M Jesús Pena Fariña |
Prata |
Servizo de restaurante e bar |
Centro: CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) Alumna: Melisa Touriñán Canosa Titor: Gabriel Vilar Longarela |
Prata |
Sistemas robóticos integrados |
Centro: CIFP Politécnico de Lugo (Lugo) Alumnos: Andrés Díaz López y Carlos Fernández Rodríguez Titor: Carlos Victorio Álvarez Pérez |
Bronce |
Tecnoloxía do automóbil |
Centro: IES As Mariñas (Betanzos) Alumno: Hugo López Lameiro Titor: Miguel Vilela González |
Participación en 34 "skills"
Arredor de 100 persoas, entre alumnos e docentes, conformaron o equipo galego nestas olimpíadas nacionais da Formación Profesional, que se desenvolveron no recinto feiral de IFEMA, en Madrid, desde o 9 de abril.
Competiron un total de 38 alumnos de 23 centros nun total de 34 modalidades de skills, das cales 29 foron competicións oficiais e cinco en formato demostración. Neste último formato, Galicia logrou a maiores tres medallas. Samuel Hermida, do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo logrou o ouro en Enerxías renovables; Hugo Aguiar do CIFP As Mercedes de Lugo levou outra medalla de ouro en Tecnoloxía de vehículos pesados, e Carmen Oubiña do CIFP Montecelo de Pontevedra fíxose co bronce en Farmacia e parafarmacia.