A Xunta distingue co primeiro Selo de excelencia os graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia da Universidade da Coruña e en Veterinaria da de Santiago
Trátase dunha distinción que é garantía de alto nivel académico destes estudos
A estratexia e resultados, o currículo, o deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, o profesorado e a inserción laboral son algúns dos criterios de avaliación que se tiveron en conta
Esta mención, que xa rexía para os estudos de máster, súmase a outras accións impulsadas desde a Xunta para fomentar un sistema universitario galego innovador e adaptando ás demandas do conxunto da sociedade
Os graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia (da Universidade da Coruña) e en Veterinaria (da Universidade de Santiago de Compostela) son os primeiros en obter o selo de excelencia que outorga a Xunta de Galicia para estes estudos no Sistema Universitario Galego (SUG), unha distinción de calidade que ata o momento operaba unicamente para os estudos máster.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública a resolución deste distintivo, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia, e que ten como obxectivo recoñecer e acreditar a calidade académica destes estudos universitarios.
Enmarcada nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade, esta nova distinción contribúe a sensibilizar á comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse as transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.
Vixencia de seis anos
O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26.
Entre os requisitos para optar a el, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade, e cada universidade podía presentar tres solicitudes como máximo.
No que atinxe aos criterios de avaliación, fixáronse un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).
Nestes bloques valóranse cuestións como as taxas de ocupación, gradación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.
Así mesmo, tamén se teñen en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.
Máster de excelencia
Este recoñecemento súmase ao de máster de excelencia, un selo implantado hai catro anos. En total, son doce as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa.