Román Rodríguez convida a celebrar a fonda tradición e legado dos estudos de Historia da Universidade de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa na presentación do libro ‘Razón de historia’ dirixido polo catedrático Ramón Villares

A obra, encadrada no centenario destes estudos, afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia da USC a través de estudos, biografías e testemuñas

Mér, 03/04/2024 - 15:03
Catedraticos de historia e o conselleiro posando co fondo dun salón de actos da USC

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro Razón de historia, un volume dirixido polo catedrático Ramón Villares que se encadra na celebración dos 100 anos cumpridos por estes estudos no curso pasado.

 

Na súa intervención, o representante do Goberno galego convidou a celebrar a “fonda tradición e legado” destes estudos aos que se referiu como unha “clave para entender a Galicia contemporánea”. “Os que pasamos por esta facultade, no meu caso tanto como estudante como profesor, temos a sorte de formar parte dunha gran comunidade educativa e profesional xunto con algúns dos nomes máis brillantes da historiografía española e europea e os miles de mozos e mozas que hoxe continúan adquirindo coñecemento”, sinalou Román Rodríguez antes de referirse a persoeiros como Antonio Eiras Roel, Xosé Ramón Barreiro ou Ramón Otero Pedrayo.

 

Neste senso, gabou o traballo feito pola Universidade de Santiago de Compostela ao longo dos anos “e a súa capacidade para avanzar de xeito parello ao curso da sociedade e adaptar o ensino da historia para ofrecer un maior entendemento da realidade pasada, presente e futura”. “O historiador é unha figura transversal que abrangue coñecementos de moitos eidos, pero que ten un obxectivo concreto: ampliar a visión da poboación e por iso é importante que os estudos ofrezan unha formación o máis ampla posible, como se fai en Santiago”, puntualizou.

 

O volume presentado hoxe en Santiago nun acto no que tamén estivo o reitor da USC, Antonio López, está feito baixo a dirección do catedrático Ramón Villares e afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia a través de estudos, biografías e testemuños directos, ofrecendo unha obra coral e ilustrada que proporciona unha estampa rigorosa e de calidade dun centro universitario senlleiro que, durante décadas, foi a única licenciatura ofrecida na USC no eido das Humanidades.