O segundo Ciclo de Cultura Científica da Xunta arranca desmontando mitos sobre o uso da tecnoloxía nas aulas

A primeira das sesións, ‘Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?’, desenvólvese o vindeiro xoves 4 da man de Héctor Ruiz Martín

Aborda prexuízos sobre unha posible incidencia negativa das pantallas na saúde dos nenos ou no seu razoamento, entre outros

Dom, 31/03/2024 - 13:50
h

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta arranca o vindeiro xoves 4 de abril desmontando mitos sobre o uso das tecnoloxías nas aulas e por parte dos máis novos. O investigador e director da International Science Teaching Foundation, Héctor Ruiz Martín, será o responsable de afondar nestas cuestións na conferencia Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?.

Baseándose na súa ampla traxectoria investigadora sobre a aprendizaxe e o ensino, Ruiz Martín abordará algúns dos prexuízos máis consolidados, como a diminución da atención da mocidade como consecuencia do uso da tecnoloxía dixital ou o risco que as pantallas na escola poden supoñer para a saúde dos nenos, no seu razoamento e forma de aprender. Tamén a falsa crenza de que a tecnoloxía redunda nun menor uso da memoria e, polo tanto, na súa mingua. 

Segundo o experto, autor de libros como Aprendendo a aprender, Como aprendemos? Unha aproximación científica á aprendizaxe e o ensino, ou Edumitos, estes mitos derivan de sesgos cognitivos e razoamentos mediante pensamentos falaces. No relatorio afondarase na orixe destas crenzas, por que e como nacen e que di a investigación ao respecto.

A conferencia é a primeira do ciclo que, baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, ofrece ata o mes de xuño a visión de expertos sobre a Intelixencia Artificial ou a relación da tecnoloxía coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía, entre outros. O obxectivo é ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións.

Didáctica baseada na ciencia

Héctor Ruiz Martín é director da International Science Teaching Foundation, onde investiga a memoria e a aprendizaxe en ámbitos educativos desde a neurociencia e a psicoloxía cognitiva. O seu obxectivo é desenvolver recursos didácticos, para desenvolver recursos didácticos baseados en la evidencia científica. 

Neste sentido, é director da colección Educación baseada en evidencias, e nas últimas dúas décadas ten impulsado numerosos proxectos en prol da mellora do ensino, proporcionando ferramentas e metodoloxías a docentes e alumnos sobre o modo de aprender das persoas. 

A súa traxectoria como divulgador científico é moi extensa, tanto como autor dos devanditos libros, como na dirección das revistas de divulgación Omnis cellula e Eureka, e como colaborador frecuente en prensa, radio e televisión.