Educación analiza coa Xunta Autonómica de Directores as probas de diagnóstico fixadas para toda España polo Ministerio a través da Lomloe

O secretario xeral técnico e a directora de Ordenación e Innovación Educativa informaron das mesmas, que serán o 10 e 11 de abril para 4º de Primaria e 2º de ESO

As probas, seguindo a lei educativa estatal, terán carácter orientador para o centro, que terá información sobre os resultados acadados

Ven, 22/03/2024 - 14:34
d

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de analizar coa Xunta Autonómica de Directores as probas de avaliación de diagnóstico que se aplicarán en toda España para 4º curso de Primaria e 2º curso de ESO, tal e como fixou o Ministerio de Educación a través da actual lei educativa Lomloe.

O secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuníronse cos representantes dos directores de colexios e institutos para informar sobre o proceso, que en Galicia será os días 10 e 11 de abril, así como para  resolver as posibles dúbidas.

Estas probas teñen un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada. Non é, por tanto, unha avaliación de alumno, polo que non haberá datos nin cualificacións individuais. A información obtida ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Canto a contidos, avaliaranse as competencias matemática e en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira (que pode ser alemán, francés, inglés ou portugués, en función da lingua de escolla en cada centro).