Máis de 2.000 profesores e 300 centros intercambian boas prácticas con 14 comunidades e países estranxeiros grazas á Xunta

A Consellería de Educación impulsa desde case hai dez cursos un modelo baseado na observación do traballo que se fai na aula entre centros de dentro e de fóra de Galicia

Trátase dunha das vías de formación mellor valoradas polos docentes para coñecer outras realidades educativas que poden aplicar despois nos seus colexios e institutos

Xov, 21/03/2024 - 20:26
c

Tras preto dunha década de funcionamento, o programa Observa_Acción, de formación e intercambio de boas prácticas educativas, consolídase con máis de 2.000 profesores e 307 centros participantes. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fomenta a aprendizaxe conxunta entre o profesorado a través do intercambio de experiencias e a observación entre iguais.

O programa, que se enmarca nas accións de formación do profesorado do Goberno galego, implantouse por primeira vez, con carácter experimental, no curso 2016-17, con seis centros e 30 profesores. Instaurábase así unha nova vía de innovación educativa con intercambios entre docentes de distintos centros co fin de facilitar que observaran de forma directa metodoloxías, enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, formas de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que se desenvolven en colexios e institutos diferentes ao seu, fomentando a aplicación do aprendido despois nas súas aulas.

A Consellería de Educación deu conta ao Consello da Xunta da evolución do programa, que foi medrando de xeito exponencial ata acadar os 142 centros e 1.276 profesores participantes no actual curso 2023-24, cifra que se eleva a 307 centros e 2.031 docentes se se ten en conta todo o período de funcionamento desde o ano 2016.

Este modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra da Comunidade galega é unha das ferramentas formativas máis valoradas polo profesorado, que a consideran unha oportunidade valiosa para aprender novas estratexias de ensinanza, novos enfoques pedagóxicos e xestión da aula.

Internacionalización e estrutura do programa

Ademais, favorece a internacionalización na medida en que se abren as portas a proxectos transfronteirizos, tecendo redes de intercambio tanto entre docentes como entre equipos directivos de centros con proxectos comúns que propician o apoio mutuo e permanente.

Estrutura do programa

O programa estrutúrase en tres tipos de actuacións: o intercambio de boas prácticas profesionais, onde tanto os docentes como os centros intercambian información sobre as súas boas prácticas metodolóxicas ou organizativas; a formación entre compañeiros, onde os profesores que visitan e observan forman aos compañeiros dos centros visitados, e observación baseada no Job Shadowing ou período de observación profesional, que proporciona o achegamento a outras metodoloxías a través da observación e a reflexión conxuntas.

Todo iso organízase nun itinerario ao longo de dous cursos escolares. O primeiro é a fase 1, a autonómica, de carácter obrigatorio para todos os centros participantes. Esta fase divídese á súa vez na etapa Comparte, de observación entre docentes do mesmos centro educativo, e a etapa Acolle, de observación entre centros da nosa comunidade.

No segundo curso desenvólvese a fase 2, interautonómica e internacional e voluntaria para os centros que o elixan. Neste período ten lugar a etapa Conecta, de observación entre centros da nosa Comunidade e de sete comunidades autónomas (Castela e León, Madrid, Estremadura, Aragón, A Rioxa, Murcia e Cantabria) e a etapa Internacionaliza, de observación con centros doutros tantos países da Unión Europea (Escocia, Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Estonia e Lituania, entre outros) a través do intercambio de experiencias e a observación con 14 comunidades autónomas e países estranxeiros.