A Xunta destina máis de 700.000€ a apoiar que o alumnado de FP realice as súas prácticas fóra de España ao abeiro do programa Erasmus+

Os estudantes poderán realizar mobilidades tanto nos países europeos pertencentes ao programa como nos asociados ao proxecto, fóra de Europa

A contía da axuda, que inclúe tanto a realización da viaxe como a estadía, oscilará en función da distancia, o país de destino e o número de días que dure a mobilidade

Mar, 19/03/2024 - 13:16
x

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a convocatoria de mobilidades Erasmus+ para alumnado de ciclos de grao básico e medio de Formación Profesional, ao abeiro do programa KA121, e de grao superior, ao abeiro do programa KA131. O obxectivo é que o alumnado poida realizar formación práctica fóra de España, o que repercutirá positivamente tanto na súa competencia en linguas estranxeiras como na mellora da súa cualificación.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina así máis de 700.000€ a apoiar a participación dos estudantes galegos nestas experiencias. En ambos os casos, a contía da axuda para cada alumno, que inclúe tanto a realización da viaxe como a estadía, oscilará en función da distancia, o país de destino e o número de días que dure a mobilidade. Increméntanse as contías da axuda para a viaxe e as axudas individuais, dependendo do proxecto, para favorecer a inclusión de participantes con menos oportunidades.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nestas convocatorias presentará no seu centro educativo a solicitude, nos prazos que o centro estableza. Serán os centros os que remitan a documentación á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para a tramitación da axuda.

FP Básica e grao medio

No caso dos alumnos de FP Básica e de grao e medio, os estudantes poderán realizar a mobilidade tanto nos 33 países europeos pertencentes ao programa, como nalgún dos 169 países non asociados ao programa, repartidos entre os cinco continentes.

Poderán concorrer a esta convocatoria as persoas matriculadas durante o curso 2023/24 nun ciclo formativo de grao básico ou grao medio de FP ou nun curso de especialización de FP de grao medio, nalgún dos 80 centros educativos que participan no proxecto KA 121. Ademais, deben estar en condicións de acceder á realización da Formación en Centros de Traballo (FCT) antes do comezo da mobilidade. Tamén poden participar as persoas que titularan nalgunha das devanditas titulacións neses centros durante os 12 meses anteriores á finalización da mobilidade prevista.

Ao abeiro destas axudas, os estudantes poderán realizar mobilidades educativas de curta duración (10 a 89 días) e de longa duración (90 a 365 días). En calquera caso, a estadía no estranxeiro dedicarase a realizar prácticas formativas relacionadas coas ensinanzas cursadas nunha empresa ou noutra organización activa no ámbito da FP. 

Ciclos de grao superior

No caso do programa KA131, para alumnos de ciclos de grao superior, hai dous tipos de mobilidades. As de longa duración para formación práctica (dous a 12 meses) permiten a realización de períodos de formación práctica no estranxeiro nunha empresa, un instituto de investigación, un laboratorio, unha organización ou calquera outro lugar de traballo. Estas estadías poderán realizarse en países da UE e nalgúns países fóra dela.

As combinadas inclúen unha mobilidade física de curta duración (cinco a 30 días) para a realización dos devanditos períodos de formación práctica e unha compoñente virtual obrigatoria que facilite o intercambio educativo e o traballo en equipo en liña de maneira colaborativa. Esta compoñente poderá ter lugar antes ou despois da mobilidade física. Estas estadías poderán realizarse en países de todo o mundo. 

Poderá participar o alumnado matriculado durante os cursos 2023/24 ou 2024/25 nun ciclo formativo de grao superior de FP ou nun curso de especialización de Formación Profesional de grao superior nalgún dos 43 centros que participan no proxecto KA 131. Deben estar en condicións de acceder á realización da Formación en Centros de Traballo (FCT) ou de realizar un período de formación en empresa antes do comezo da mobilidade. Tamén poden participar as persoas que titularan nalgunha das devanditas titulacións neses centros durante os 12 meses anteriores á finalización da mobilidade prevista.