O conselleiro Vázquez Abad inaugurou as xornadas 'Olladas ao futuro inmediato da educación'
O encontro, que se celebra en Ourense hoxe e o 10 de febreiro, reunirá a máis de douscentos profesores
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as xornadas 'Olladas ao futuro inmediato da educación'. O encontro, que celebrará a súa segunda xornada o vindeiro mércores día 10, congregará na aula social de Caixanova en Ourense a máis de 200 profesores.
No acto de apertura estiveron presentes o delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, a xefa de Educación, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde da cidade de As Burgas, Francisco Rodríguez; a concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido; a secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO- Galicia, María Jesús Fernández; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira; e a presidenta da Xunta de Persoal de Ensino Docente non Universitario, Marian Rodríguez Nieves. A convocatoria ten como obxectivo debatir sobre o establecemento dun sistema educativo estable, así como sobre a preocupación existente en torno a violencia nas aulas. Do mesmo xeito, ao longo dos vindeiros días tratarase un plan de choque contra o fracaso escolar.
Investir en educación
Durante a súa intervención o conselleiro asegurou que "o noso porvir e mailo das novas xeracións, depende da nosa capacidade para incrementar os niveis educativos", ao que engadiu que "a inversión en educación é a máis importante que pode facer un país". Así en relación as melloras para o futuro dos alumnos e alumnas, Vázquez Abad dixo que "é necesario por en marcha un acordo, un pacto no que participen todos os partidos políticos e no cal se leven a cabo unha serie de directrices comúns para todos. Un pacto de carácter nacional que será tarefa de toda a sociedade; as familias, profesores, sindicatos; e que será unha boa ferramenta para lograr as ensinanzas regradas".
Unha vez rematada a presentación comezou a conferencia 'Olladas ás actuacións educativas de éxito', presentadas por Marián Rodríguez Nieves, na que actuou como relator o profesor de socioloxía na Universidade de Barcelona, Ramón Felcha García.
A tarde de hoxe rematou coa mesa redonda 'O futuro do noso sistema educativo', moderada polo secretario xeral da Federación de Ensino da Unión Comarcal de Ourense, Alejandro Vázquez Portela. Nesta xuntanza interviu o Secretario de Acción Sindical da Federación de Ensio de CCOO de Galicia, José Fuentes Fariña, e o ex delegado de Educación en Ourense, Gonzalo Iglesias Sueiro. Xunto a eles José Luis Mira, que reflexionou sobre a trascendencia dos estudos de FP na sociedade actual, así como da adaptación do sistema ás necesidades reais do día a día.
As competencias básicas
As xornadas rematarán o vindeiro 10 de febreiro coa conferencia 'Olladas a través das competencias básicas' presentada polo director do periódico 'Escuela', Pedro Badía Alcalá, e a profesora titular de Didáctica e Organización Escolar na Universidade de Cádiz, Carmen Rodríguez Martínez.
O encontro rematará coa mesa redonda e presentación do libro 'Miradas á educación', un acto no que estarán presentes a expresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco Pardo; a responsable de Comunicación da Federación da Ensinanza de CCOO, Cuqui Vera Belmonte; e a presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro Martín.
A clausura das xornadas correrá por conta do secretario xeral de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión; e da secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Ourense, Ana Barrios López.