A Consellería de Cultura e Educación mantén a contía para os gastos de funcionamento dos centros educativos galegos

A administración rexeita e lamenta as acusacións realizadas desde o sindicato UXT e que teñen como obxectivo politizar a educación

A Xunta continúa a facer un gran esforzo para, a pesares da grave crise económica pola que se atravesa, cumprir cos compromisos coa comunidade educativa

Mar, 06/03/2012 - 17:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén para o curso 2011-2012 unha contía (59.406.820 euros), para os gastos de funcionamento dos centros educativos galegos. Isto é igual a dos orzamentos correspondentes aos anos 2009, 2010 e 2011, que xa se tiñan incrementado nun 2,7% respecto dos do ano 2008, tal e como figura nos orzamentos publicados pola Xunta de Galicia no DOG e na páxina web da Consellería de Facenda.

Cómpre manifestar a clara aposta deste Goberno por manter contías semellantes mentres que o orzamento de ingresos da totalidade da Xunta caeu a niveis do ano 2005.

Unha vez máis, e ante o comunicado emitido polo sindicato FETE-UGT, a Consellería sinala que parece que existe unha intención de terxiversar datos que son públicos para politizar a educación ou xerar alarma social.

A Consellería sinala que o orzamento dispoñible para o funcionamento dos centros educativos permite a autonomía dos mesmos nos mesmos termos que nos últimos catro anos, e que os máis de dez mil millóns das antigas pesetas supoñen un esforzo financeiro moi importante para a Xunta de Galicia.

Cómpre sinalar que este curso a tramitación do pagamentos aos centros dos gastos de funcionamento realizase dun xeito semellante a curso anteriores, e así por exemplo o libramento dos gastos dos centros de secundaria realizouse no ano 2007 con posterioridade ao 9 de marzo.

Ao igual que acontece sempre os centros educativos descoñecen cal é a partida que recibiran xa que, como todos os anos, esta varía en función do número de estudantes dos centros e das necesidades dos mesmos, e que tamén cambia de curso en curso.

Gastos de comedores

Con respecto aos gastos de comedores escolares e de vixilancia dos mesmo non se pode falar de recorte algún xa que a contía asignada no orzamento do ano 2012 e exactamente igual á do ano anterior (24.245.384 euros), e supera en case dez millóns de euros á asignada polo goberno bipartito cando publicou a actual normativa de comedores.

Polo tanto a Consellería volve a lamentar o intento de intoxicar a sociedade por parte dos sindicatos. Asemade recorda que a pesares da grave crise económica pola que se atravese a Administración está a facer un gran esforzo para que os centros, e polo tanto a comunidade educativa, continúen a recibir os cartos necesarios para desenvolver o curso escolar con total normalidade.