140 estudantes de 23 equipos galegos participarán na fase rexional de lanzamento de satélites CanSat 2024 da Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta

Román Rodríguez subliña a importancia da formación en competencias  como a programación ou as novas tecnoloxías enfocada para a cualificación do alumnado

Asegura que formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico “aumenta as súas oportunidades laborais”

Mér, 06/03/2024 - 14:30
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, abriu esta mañá a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

O titular de Educación do Goberno galego asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, abondou dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.

Román Rodríguez salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital. “Ademais, formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico aumenta as súas oportunidades de obter un traballo en calquera sector”, afirmou.

Lanzamento o 23 de abril

O encontro de hoxe, no decurso do cal se desenvolven catro relatorios vinculados á temática de satélites, serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnos baixo a coordinación dun docente.

A xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas  en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Os centros participantes, algún deles con más dun equipo, son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

Arteixo

IES Manuel Murguía

A Coruña

Betanzos

CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen

A Coruña

Cariño

IES Cabo Ortegal

A Coruña

A Coruña

CPR Compañía de María

A Coruña

Ferrol

CPR Ayala

A Coruña

Muxía

IES Ramón Caamaño

A Coruña

Noia

IES Virxe do Mar

A Coruña

Ortigueira

IES de Ortigueira

A Coruña

As Pontes

IES Castro da Uz

Lugo

Burela

IES Perdouro

Lugo

Lugo

IES Lucus Augusti

Lugo

Lugo

IES Leiras Pulpeiro

Lugo

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

Ourense

A Gudiña

CPI Laureano Prieto

Ourense

Ourense

IES O Couto

Ourense

Ourense

CPR Santa María Maristas

Pontevedra

Caldas

IES Aquis Celenis

Pontevedra

Vigo

IES Álvaro Cunqueiro

Pontevedra

Vigo

IES República Oriental do Uruguai

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Montecastelo

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Las Acacias