A Xunta convoca a sexta edición dos Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica en graos universitarios

Van dirixidos ao alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións no ano académico 2022/23 nas universidades galegas, agás no último curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira

A contía dos premios é de 1.100€ por cada unha das persoas beneficiarias

Desde o pasado curso, estes galardóns levan o nome da mestra ferrolá, referente da innovación no ensino, que en 1949 inventou e rexistrou a patente do antecedente do libro electrónico

Dom, 03/03/2024 - 12:48
e

Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da sexta edición dos Premios Ángela Ruíz Robles á excelencia académica. Van dirixidos ao alumnado de grao que obtivese as mellores cualificacións no ano académico 2022/23 nas universidades galegas. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao e en cada un dos centros en que se impartan, agás no derradeiro curso, no que se outorgan os Premios Fin de Carreira.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina un orzamento de 613.800€ a esta convocatoria outorgando 1.100 euros a cada unha das persoas beneficiarias.

Para poder ser premiado, o alumnado deberá ter no curso académico 2022/23 unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén estar matriculado da mesma titulación no  presente curso 2023/24.

Os premios outórganse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia, que publicarán nas súas respectivas páxinas web a relación do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos na convocatoria.

Referente no ensino innovador

Este é o segundo ano no que estes galardóns reciben o nome de Ángela Ruíz Robles, mestra ferrolá de adopción, que foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.

Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol logo de gañar por oposición unha praza de mestra nacional, onde se estableceu para o resto da súa vida. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

Foi unha pioneira no eido do ensino e, en especial, na invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico. O primeiro prototipo, construído en 1962, deu como resultado un artefacto que permitía, entre outras funcións, formar palabras, oracións e textos a partir da interacción de teclas e dispositivos distribuídos nunha especie de caixa. Ademais de leccións de gramática, cálculo, inglés e francés, era posible a lectura en horizontal e vertical e a inclusión de máis temas.

Ademais deste carácter innovador, na súa traxectoria docente, Ángela Ruiz Robles caracterizouse por unha vocación de servicio desinteresado e compromiso cos seus alumnos e a súa comunidade. Deu moita importancia ao ensino de idiomas, a aprendizaxe intuitiva, o uso de ilustracións e outros recursos docentes novidosos para o seu tempo. Ademais do seu labor como docente e como inventora, escribiu 16 libros dedicados á educación e a pedagoxía centrados no obxectivo de facer o ensino máis áxil e interactivo.