Os Plans de Formación do Profesorado sitúanse en máximos con 34.000 docentes participantes e case a totalidade dos centros educativos
O obxectivo desta acción é atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora da calidade educativa
A Xunta implantou por primeira vez esta liña no curso 2012-13 con preto de 7.000 horas de formación e nunha década multiplicáronse por dez ata as 70.500 horas
As actividades máis demandadas son as que teñen que ver coa competencia dixital, a competencia en educación inclusiva e coeducación e a competencia didáctica
O Consello da Xunta vén de analizar un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a evolución dos Plans de Formación Permanente do Profesorado en centros na última década, onde se constata un crecemento exponencial tanto no que atinxe a número de actividades como profesorado e centros participantes. Esta é unha iniciativa estratéxica do Goberno galego no eido educativo que ten como principal finalidade garantir a axeitada formación e preparación do profesorado para ofrecer a mellor educación ao alumnado e preparalo para os retos de presente e de futuro.
Non en balde, tras a súa implantación como experiencia piloto o curso 2012-13 e logo dunha década de funcionamento, o curso pasado esta iniciativa acadou máximos de case 34.000 docentes participantes nalgunha das liñas que o conforman fronte aos algo máis de 3.800 do primeiro ano. Isto significa que o pasado curso máis de nove de cada dez docentes galegos se formaron no seu centro a través dun plan deste tipo.
Así mesmo, a cobertura dos plans acada o 95% dos centros educativos, fronte ao 18% adscritos no 2012-13. A evolución tamén é positiva no que atinxe ao número de plans (que pasa de 68 a 1.018 na última década) e no número de actividades formativas (de 342 a 4.075).
Competencia dixital, inclusión e didáctica
Por competencias e liñas formativas desenvolvidas, a competencia dixital sitúase á cabeza concentrando o 39% dos participantes; en segundo lugar a competencia en educación inclusiva e coeducación co 24% de participantes e a competencia didáctica, que acapara o 22% de participantes.
Estas preferencias están aliñadas cos cambios normativos e de currículo, coa importancia dos principios de inclusión e atención á diversidade en todo o sistema educativo así como co aumento e presenza das tecnoloxías da innovación e a comunicación nas aulas, sobre todo derivados dos efectos da pandemia.
Despois séguenlle a competencia en innovación e investigación (10% de participantes) e a competencia comunicativa e lingüística (co 5% de participantes).
Oferta diversificada e adaptada a cada centro
Cómpre lembrar que esta acción naceu como unha vía de formación específica no propio centro educativo, cunha oferta diversificada adaptada ás circunstancias de cada colexio ou instituto e ao seu profesorado. O obxectivo é de fomentar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación que contribúan á autonomía do profesorado, á mellora da práctica profesional, ao desenvolvemento do traballo en equipo e a impulsar a investigación e a innovación metodolóxica.
A súa finalidade é, por tanto, atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora das competencias do alumnado e da calidade educativa no seu conxunto.