A Xunta levará a cabo este verán a substitución da cuberta do IES A Sardiñeira, na Coruña, cun investimento de 414.000 €

O conselleiro Román Rodríguez pon en valor o labor pedagóxico que desenvolve este instituto a través de espazos como a aula tecnolóxica ou o seu xardín botánico

Mér, 28/02/2024 - 14:51
r

A Xunta de Galicia vai acometer este verán a obra de substitución da cuberta do Instituto IES A Sardiñeira, na Coruña, para o cal destina un orzamento de arredor de 414.000 euros. Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este centro do barrio dos Mallos no que cursan os seus estudos uns 550 estudantes de ESO, Bacharelato e FP.

Segundo explicou, nestes momentos está na fase de adxudicación o proxecto para a substitución das cubertas co obxectivo de que a obra se execute durante o verán “aproveitando ao máximo o período non lectivo estival”. Esta obra vaise centrar no edificio que pertencía a un antigo colexio e que, posteriormente, se incorporou ao actual instituto.

Durante a visita ao centro, Román Rodríguez tivo ocasión de coñecer de primeira man labor pedagóxico que o profesorado deste instituto co seu equipo directivo á cabeza desenvolve en espazos como o seu xardín botánico ou a aula tecnolóxica. De feito, esta aula, que empregan os alumnos dos ciclos formativos, foi acondicionada grazas a un investimento de 20.500 por parte da Consellería.

Moi activo en programas educativos

O titular do departamento de Educación aproveitou para agradecer o traballo e a implicación do centro nos distintos programas educativos que pon a disposición a Consellería no ámbito dixital, plurilingüe e de convivencia.

Non en balde, o centro conta con Polo Creativo, participa no Club de Ciencias, nos Contratos-Programa, no Plan Proxecta e no plan de reforzo Proa+. Tamén conta con auxiliares de conversa en inglés e en francés; participa activamente nos intercambios escolares de lingua, e destaca no seu dinamismo a prol da convivencia positiva nas aulas a través de grupos de traballo de convivencia e mediación escolar.