A Xunta salienta a diversificada oferta de FP do instituto Castro da Uz, nas Pontes, que este curso reforzará accións formativas para desempregados

A directora xeral de FP visita o centro con motivo da cesión dun aeroxerador por parte da empresa Invenergy Service Huso ao servizo do ciclo dual de Mecatrónica industrial

Ven, 09/02/2024 - 15:38
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto IES Plurilingüe Castro da Uz, onde salientou a diversificada oferta de Formación Profesional deste centro nas familias de Administración e finanzas, Fabricación Mecánica, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento e por último Transporte e mantemento de vehículos, que dá cobertura ás demandas tanto do alumnado como das empresas da contorna.

Ademais, tal e como avanzou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este ano o centro vai ofertar dous cursos de accións formativas para desempregados, Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG e Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos, contribuíndo, deste xeito, á inserción laboral e actualización dos traballadores da zona. Neste senso, quixo subliñar o importante compromiso do equipo directivo e do profesorado do centro polo reforzo da súa oferta.

Eugenia Pérez visitou o instituto con motivo da cesión dun aeroxerador por parte da empresa Invenergy Service Huso no marco da colaboración para o desenvolvemento do ciclo superior de Mecatrónica industrial en modalidade dual. Este equipamento permitirá a que o alumando teña unha formación máis especializada e axustada as necesidades do sector produtivo.

Precisamente no ámbito dual, este curso iniciou novos proxectos como o mencionado ciclo superior de Mecatrónica industrial, un ciclo de grao medio de Soldadura e caldeiraría e continúa co ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións web. Todo isto é posible “grazas a implicación activa dunha vintena de empresas da contorna á que temos que agradecer o seu interese”, subliñou a directora xeral de FP.