Arranca a colocación de puntos laranxa contra o acoso escolar nos Espazos Xove de Galicia
As directoras de Ordenación e Innovación Educativa e de Xuventude, Participación e Voluntariado visitan Vilagarcía, onde se vén de instalar un destes puntos
Funcionan como unha caixa de correo na que a mocidade, desde o absoluto anonimato, pode trasladar situacións de acoso propias ou que perciban en terceiros
Logo de iniciar a súa colocación nos centros educativos, arranca a dotación de Puntos Laranxa contra o acoso escolar nos Espazos Xove da comunidade autónoma.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitan hoxe o Espazo Xove de Vilargarcía de Arousa, onde vén de ser habilitado un destes puntos á disposición da mocidade que tamén chegarán ás residencias xuvenís e de estudantes. Ambas as dúas coincidiron en fomentar a tolerancia cero ante calquera conduta contraria á convivencia, e en reclamar a implicación do conxunto da sociedade na loita contra o acoso.
En total está prevista a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar en todos os colexios e institutos galegos sostidos con fondos públicos, nos Espazos Xove e nas residencias xuvenís e de estudantes.
Estes puntos laranxas, que contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, funcionan a modo de caixa de correo a través da cal a mocidade pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan integral contra estas condutas impulsado pola Xunta de Galicia co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares e os espazos de interacción da mocidade conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.