Comezan os cursos de linguaxe administrativa para fomentar o uso e coñecemento da lingua galega entre o funcionariado
Os primeiros cursos dos máis de trinta que vai organizar Política Lingüística organizará ao longo de todo o ano máis de trinta cursos formativos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e supe...
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), vén de botar a andar os cursos de linguaxe administrativa, que teñen como obxectivo prioritario fomentar o uso e o coñecemento da lingua galega entre o persoal público da Administración autonómica de Galicia. Esta semana xa comezaron en Santiago de Compostela dous cursos de linguaxe administrativa de nivel medio e a finais do mes que vén iniciarán dez novos cursos distribuídos entre as cidades da Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense e Ferrol.
Ao longo deste ano, a secretaría xeral organizará un total de trinta e tres cursos de linguaxe administrativa de nivel medio e superior ata o próximo mes de setembro. Os cursos, que son de carácter gratuíto, contan con entre 20 e 30 prazas cada un e desenvólvense en horario de 08:00 horas a 10:00 horas e de 13:00 horas a 15:00 horas.
Listas definitivas cos resultados das probas Celga
O departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén vén de facer públicas as listas definitivas cos resultados da última convocatoria das probas Celga, na que acadaron o certificado de lingua galega un total de 962 persoas. O pasado 28 de decembro publicáronse as listas provisionais das probas, tras o que se abriu o prazo outorgado para solicitar as revisións, realizadas pola Comisión Central de Avalición. A última convocatoria das probas Celga levouse a cabo nos pasados meses de outubro e novembro, en América e Europa, respectivamente.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística realizará ao longo deste ano un total de 185 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4 do Certificado de lingua galega, que se realizarán nos próximos meses de maio e novembro. A inscrición para realizar os ditos exames, que son independentes dos cursos, rematará o 25 de marzo de 2010 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro, para as probas do mes de novembro.
A través da organización dos cursos de linguaxe administrativa e dos cursos Celga, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo ten como obxectivo prioritario desenvolver actividades formativas que aseguren unha boa capacitación lingüística en lingua galega.