A Consellería de Cultura e Educación reúne na Illa de san Simón a expertos na rede para analizar a revolución da internet e os seus efectos nos modos de comunicar

O arquipélago vigués acolle por segundo ano consecutivo o encontro #Ne Thinking os días 7 e 8 de marzo

Nacho de la Fuente, Antón Losada, Nacho Vigalondo ou a recoñecida blogueira cubana Yoani Sánchez serán algúns dos destacados participantes

O encontro estará aberto á cidadanía a través de Twitter e será retransmitido en streaming na canle San Simón TV, da web da Illa

Dom, 04/03/2012 - 10:01

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reunirá os vindeiros 7 e 8 de marzo a expertos nas redes sociais e activos blogueiros na Illa de San Simón, no marco do segundo encontro #NeThinking,  para analizar a revolución de internet e os desafíos que a rede implica como plataforma de comunicación e relacións sociais. Desta forma a Consellería dá continuidade ao proxecto da Illa do Pensamento, un espazo para o debate, a reflexión e a creatividade no marco incomparable do arquipélago vigués, que no Medievo fora ademais sede da cultura trobadoresca transmitida pola tradición oral, a primeira rede de comunicación da historia.

Está previsto que asistan a este encontro o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Referentes no sector

Destacados comunicadores como Antón Losada e Carmela Ríos, cineastas como Nacho Vigalondo e músicos como Julián Hernández, achegarán ao encontro as súas visións sobre os efectos no modo de comunicar que supón a rede, desde os seus respectivos sectores. Participarán tamén en #NeThinking referentes no panorama nacional pola notoriedade das súas bitácoras e pola súa actividade en redes como Twitter ou Facebook, como o xornalista e experto en redes sociais Nacho de la Fuente – coordinador do encontro-, ou os recoñecidos blogueiros José Jiménez Moltó (Kurioso) e Javier Pedreira (Wicho). Ademais o encontro contará coa participación virtual da recoñecida blogueira cubana Yoani Sánchez.

Ademais, exporán as súas experiencias en #NeThinking editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo ou Eduardo Arcos; consultores como Elena Gómez del Pozuelo, Mario Tascón e Antonio Delgado; e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez.

O grupo de participantes destaca non só pola súa formación e experiencia en comunicación mediante novos soportes, senón tamén pola diversidade das súas frontes de actuación e pola súa intensa actividade en redes sociais, que os ten convertido en referentes a nivel nacional. De feito, entre os 19 asistentes suman máis de un millón e medio de seguidores en Twitter.

O encontro deseñouse en bloques temáticos nos que se analizarán desde o mapa de redes e as estratexias para a súa utilización, a seguridade informática, os modelos de negocio, a fragmentación e saturación de contidos, a transformación do fan en follower, os novos modelos de comunicación propiciados polos novos soportes e, en definitiva, o presente e o futuro da internet como plataforma que ten revolucionado tanto a comunicación como as relacións sociais.

Participación cidadá

O segundo encontro #NeThinking estará, do mesmo xeito que o pasado ano, aberto a todas as cidadás e cidadáns que queiran participar nel, seguindo as sesións a través de Twitter - mediante o hastag #NeThinking - ou a través da retransmisión íntegra das mesmas que se realizará por streaming na canle San Simón TV, á que se pode acceder na web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org).

Non en balde, o encontro  foi deseñado para contar coa participación directa de cantos desexen realizar achegas ou lanzar preguntas aos participantes a través de Twitter. Tamén se pode participar a nivel virtual enviando propostas vía mail a usuarios@fundacionilladesansimon.org.

Cómpre lembrar que o ambiente creado e o interese xerado nas sesións de traballo desenvolvidas na primeira edición, nas que participaron moitos dos integrantes do grupo deste ano, conseguiu outorgarlle ao encontro do ano pasado unha grande repercusión na rede. Así #NeThinking conseguiu alzarse como Trending Topic (tema do momento) a nivel de toda España en dúas ocasións, alcanzando preto de 1,4 millóns de impresións en cada unha, e máis de 800.000 seguidores co hastag #NeThinking. Con respecto á retransmisión por streaming, as sesións foron seguidas en directo por 9.000 usuarios de 33 países que permaneceron conectados no transcurso do encontro.

Ampla programación

Ademais de #NeThinking , un dos encontros con maior participación celebrados o pasado ano en San Simón, no 2012 a illa acollerá unha variada oferta de actividades e programación cultural. Neste sentido xa está confirmada a celebración do congreso Neuromagic 2012 os días 7 a 9 de maio, arredor do nexo entre ilusións e realidade na fronteira entre a arte e a ciencia, especificamente entre neurociencia e maxia.

Xa para finais de xuño, do día 29 ao 1 de xullo, está prevista a celebración da segunda edición de Testemuños do Futuro, que estará de novo coordinado por Ramón Núñez, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, e contará con científicos, divulgadores e xornalistas especializados de primeira liña.

Menús News node R

Tema