Máis de 49.000 alumnos de ESO e Bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais co novo sistema da Xunta de Galicia

Haberá dúas vías de acreditación: unha automática ao rematar unha etapa educativa ou a realización dunha proba específica que se ofertará en abril

A certificación por titulación comezará a emitirse cos niveis de iniciación e intermedio

O obxectivo é que o alumnado perfeccione as súas destrezas dixitais a partir dos contidos obtidos no sistema educativo e mellorar a súa inserción laboral

Esta medida enmárcase na Estratexia Educación Dixital 2030 e súmase ao sistema habilitado para os docentes, coas primeiras 20.500 acreditacións xa expedidas

Galicia é a primeira comunidade autónoma do Estado en implantar un sistema propio neste eido

Xov, 11/01/2024 - 18:01
Posto informático con micrófono e altofalante

Máis de 49.000 alumnos de ESO e bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais a través do novo sistema habilitado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para este fin, asunto que analizou hoxe o Consello da Xunta de Galicia ante a próxima publicación da orde da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que regulará este proceso na nosa comunidade.

 

Galicia permitirá así, por primeira vez no Estado, que os seus alumnos accedan a estes certificados, denominados ComDix, desde o sistema educativo, posibilidade que xa teñen tamén os docentes ao abeiro do mecanismo habilitado pola Xunta para os profesionais do ensino e polo que foron xa expedidas un total de 20.500 acreditacións.

 

A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas na Estratexia Educación Dixital 2030, enfocadas a acadar a cidadanía dixital plena. Todos os certificados emitidos axustaranse ao Marco galego de competencias dixitais para os cidadáns e terán, polo tanto, a súa mesma validez. De feito, somos a primeira comunidade en implantar este sistema propio de acreditación de competencias dixitais no eido educativo, con dous ámbitos específicos dirixidos ao profesorado, por unha banda, e ao alumnado, por outra.

 

A certificación por titulación comezará a emitirse no presente curso académico 2023/24 para o alumnado que se titule nalgunha das ensinanzas sinaladas. Tamén durante este curso académico se ofertarán probas de certificación en diferentes niveis. A través da dita orde recollerase tamén o recoñecemento da competencia dixital do alumnado que teña cursado a ESO cun mínimo de tres cursos académicos empregando o programa E-Dixgal durante a devandita etapa. Estímase que así resultarían máis de 11.000 alumnos beneficiarios, totalizando a cifra de máis de 49.000 alumnos e alumnas titulados.

 

Niveis obtidos en cada etapa

A acreditación da competencia dixital do alumnado destas ensinanzas poderase obter a través de dúas vías. Por unha banda, a automática, por obter a titulación nalgunha das ensinanzas ou etapas. Por exemplo, a titulación de graduado en educación secundaria suporá a obtención dun certificado ComDix Iniciación e a titulación en bacharelato suporá o certificado ComDix Intermedio parcial.

 

Para determinar o nivel dos certificados por etapas, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), levouse a cabo un estudo exhaustivo dos currículos educativos co fin de determinar o nivel de competencia dixital acadada polo alumnado galego ao longo das diferentes etapas educativas co marco galego como referencia. Por outra banda, o alumnado que o desexe poderá, mediante a superación dunha proba específica, que se ofertará en abril, acadar un nivel superior ou completar o nivel acadado, como no caso do certificado Intermedio obtido pola superación do bacharelato.

 

Mellora da cualificación

Esta iniciativa ten un dobre obxectivo. En primeiro lugar, supón unha motivación para o alumnado á hora de perfeccionar as súas competencias dixitais, poñendo en valor as aprendizaxes recibidas no ámbito educativo respecto desta materia.

 

En segundo lugar, esta certificación favorecerá a inserción do alumnado que se titule e decida incorporarse ao mercado laboral rematados os seus estudos. Este sistema facilitaralles ás empresas ou ás administracións os procesos selectivos ou de promoción interna, como así ten ocorrido con outras, por exemplo, a certificación de competencia lingüística.

 

Uso responsable das tecnoloxías

A competencia dixital en Galicia, ademais do establecido nos currículos educativos, vese impulsada por numerosas iniciativas que desde a Consellería de Educación se trasladan aos centros coa finalidade última de promover o seu desenvolvemento efectivo.

 

O obxectivo é formar e capacitar o alumnado no uso responsable das tecnoloxías da relación, a información e a comunicación co fin de evitar prácticas de risco, así como para formar persoas con competencias para iniciar e manter relacións sas en contornas dixitais (ciberconvivencia) e para exercer de forma responsable e crítica a cidadanía dixital.