Román Rodríguez felicita aos centros galardoados co primeiro Premio ConVivimos a prol da convivencia
O Instituto IES Xelmírez I, en Santiago, e o Colexio CEIP Mestre Martínez Alonso, en Mos, acadan o primeiro premio na categoría de Secundaria e de Primaria.
O conselleiro salienta “o compromiso da comunidade escolar galega coa convivencia e a tolerancia” plasmadas nas máis de 50 candidaturas a estes galardóns.
Os centros comezan a aplicar hoxe o protocolo de uso de móbiles “que contribuirá a concienciar sobre un uso seguro e saudable da tecnoloxía e mellorar neste eido”.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades vén de resolver no día de hoxe a primeira edición do Premio ConVivimos que ten por obxectivo recoñecer o bo traballo e o compromiso dos centros escolares a prol da convivencia e o benestar. É unha das medidas incluídas no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso aprobado recentemente pola Xunta de Galicia.
O Colexio CEIP Mestre Martínez Alonso, en Mos, e o Instituto IES Xelmírez I, en Santiago de Compostela, obtiveron o primeiro premio na categoría de Primaria e Secundaria, respectivamente. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o segundo deles para felicitar a comunidade educativa.
O conselleiro destacou o labor dos centros premiados na elaboración de propostas para fortalecer o respecto e a equidade entre alumnado, docentes e membros do equipo educativo. “Esta primeira convocatoria contou coa participación de máis de 50 centros de toda Galicia das distintas etapas, o que demostra o compromiso da comunidade educativa galega coa convivencia e a tolerancia no entorno escolar”, salientou.
Román Rodríguez lembrou tamén que hoxe se comeza a aplicar nos centros de toda Galicia o protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer, a través do que se amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos que xa estaba vixente no interior das aulas desde 2015 en todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia.
“Cremos que esta decisión, froito da demanda social manifestada, contribuirá a concienciar sobre un uso seguro e saudable da tecnoloxía e a garantir unha mellora na convivencia escolar”, destacou. Tal e como se informou á comunidade educativa, establecerase un plan de formación para acompañar ás familias no manexo responsable dos móbiles, para o que contarán co apoio do Goberno galego.
Boas prácticas en toda Galicia
Os centros participantes na convocatoria do premios ConVivimos presentaron unha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional. No caso do instituto IES Xelmírez I, levan traballando desde hai anos en diferentes iniciativas, como titorías de convivencia, círculos de diálogo para expresar os malestares na aula, a elaboración dunha Guía de benestar emocional ou a posta en marcha do programa En modo convivencia: o Xelmírez 1 medra, con máis dunha vintena de charlas, obradoiros, clubs de lectura ou grupos de teatro, entre outras.
Unha comisión de selección avaliou os proxectos presentados, tendo en conta aspectos como a calidade das accións desenvolvidas, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, o impacto no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa repercusión no conxunto do centro, entre outros. Os centros premiados por categoría e a dotación son, tal e como se recolle no Portal Educativo, os seguintes:
Modalidade |
Premio |
Concello |
Centro |
Dotación |
---|---|---|---|---|
Centros de Primaria |
1º |
Mos |
CEIP Mestre Martínez Alonso |
5.000 € |
Centros de Primaria |
2º |
Meaño |
CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas |
2.500 € |
Centros de Primaria |
3º |
Padrón |
CEIP Flavia |
1.000 € |
Centros de Primaria |
Accésit |
Cedeira |
CEIP Nicolás del Río |
500 € |
Centros de Secundaria |
1º |
Santiago de Compostela |
IES Arcebispo Xelmírez I |
5.000 € |
Centros de Secundaria |
2º |
Ponteceso |
IES Eduardo Pondal |
2.500 € |
Centros de Secundaria |
3º |
Ourense |
IES Universidade Laboral |
1.000 € |
Centros de Secundaria |
Accésit |
Burela |
IES Perdouro |
500 € |