Política Lingüística colabora na incorporación da lingua galega á actividades empresariais do transporte público

A secretaría xeral participou hoxe no acto de presentación da imaxe corporativa galeguizada de Travibus Noroeste, que tivo lugar en Cambados

Xov, 28/01/2010 - 19:00
A subdirectora xeral de planificación e dinamización lingüística Cristina Rubal
A subdirectora xeral de planificación e dinamización lingüística Cristina Rubal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria segue a promover a incorporación do galego á actividade empresarial. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo, en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, vén de impulsar a incorporación da lingua galega a Travibus Noroeste S.A., unha das empresas punteiras do transporte público en Galicia.

A praza de Fefiñáns, en Cambados, acolleu hoxe a exposición dunha mostra da frota de autocares de Travibus que veñen de ser rotulados con cadanseu nome de accidente xeográfico en galego. Posteriormente, o acto desenvolveuse no salón de plenos do concello, onde se presentou a colección Relatos da paisaxe. Trátase dunhas pequenas publicacións en lingua galega que se poñerán a disposición dos pasaxeiros de varias liñas de autobuses de Travibus coas que se pretende poñer en valor os elementos que conforman a paisaxe galega.

No acto participaron, entre outros, a subdirectora xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González; o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela; o xefe superior da Policía en Galicia, Luís García Mañá; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde; e o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xoaquín Monteagudo.

Promover a incorporación do galego á actividade empresarial

A través de iniciativas coma esta, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca fomentar o uso da lingua galega promovendo a súa incorporación á actividade do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

Menús News node R

Colectivo