A Fundación Cotec destaca o proxecto Edugalia da Xunta como un exemplo a nivel internacional da innovación ao servizo da educación
O Centro Galego de Innovación da FP, con sede en Ourense, acolle a presentación deste estudo sobre innovación pública en políticas educativas
Nel destácase a aposta desta iniciativa da Consellería de Educación de aproveitar as capacidades tecnolóxicas para optimizar recursos, avaliar programas educativos e realizar análises personalizados a nivel de centro e de alumno
Saliéntase, ademais, como “o primeiro proxecto de Compra Pública de Innovación no ámbito educativo que se realiza a nivel nacional”
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron no acto
A Fundación Cotec destaca o proxecto EdugalIA da Xunta de Galicia como un exemplo a nivel internacional do emprego dos recursos de innovación ao servizo da educación. Así se reflicte no seu estudo Innovación pública no deseño de políticas educativas: cara un sistema innovador que foi presentado hoxe no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, no marco dunha xornada sobre innovación pública en políticas educativas.
O estudo, elaborado por esta Fundación para a innovación en colaboración con Red2Red, consultoría especializada en políticas públicas, sostibilidade e fondos europeos, está concibido como unha primeira aproximación á capacidade de innovación da administración educativa e recolle 28 proxectos e iniciativas que empregan ferramentas de innovación pública para definir políticas en educación.
Nel destácase a importancia do proxecto EdugalÍA para “mellorar o sistema educativo galego” aproveitando as capacidades tecnolóxicas que ofrecen as distintas técnicas de big data así como a intelixencia artificial coa finalidade de “optimizar a asignación de recursos, a avaliación de programas educativos e a análise personalizada das necesidades de cada centro e de cada alumno”.
Apoio decidido da Administración autonómica
O estudo subliña, ademais, que é o primeiro proxecto de Compra Pública de Innovación no ámbito educativo realizado a nivel nacional, mentres que outros dous proxectos europeos precedentes (proxecto IMALE e proxecto LEA) “non contan cun plantexamento tan ambicioso en termos de produto final, nin que xeran un impacto tan importante e transversal no conxunto do sistema nin cun apoio tan decidido por parte da Administración”, abonda.
Así mesmo, faise referencia as “vertentes prioritarias” como establecer unha gobernanza informada e baseada en evidencias, sobre todo á hora de avaliar políticas públicas e necesidades específicas de apoio educativo par atallar o abandono temperá e o fracaso escolar, e avanzar na consolidación do expediente único do alumno. Todo iso, segundo a análise da Fundación Cotec, “supoñe un importante impulso innovador na xestión e na gobernanza do sistema educativo, así como na forma de entender o proceso de dixitalización educativa, máis aló das aulas e dos centros”.
Todo isto foi exposto esta mañá pola directora de Educación e formación da Fundación Cotec, Ainara Zubillaga, que foi a encargada de presentar o seu contido, nunha xornada na que tamén interviron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.
Eficiencia na compra pública
Judith Fernández aproveitou a súa intervención para explicar que proxecto EdugalIA foi concibido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de aplicar as vantaxes da intelixencia artificial á administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico único e habilitar unha ventanilla única de comunicación da comunidade educativa.
Para iso lanzouse unha consulta previa ao mercado mediante o proceso de Compra Pública de Innovación, co fin de que as empresas tecnolóxicas amosaran os recursos dos que dispoñen para facer realidade este proxecto.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, felicitou á Fundación Cotec por impulsar a reflexión sobre a innovación desde múltiples enfoques, como o educativo, e apuntou que a innovación tamén forma parte das políticas públicas para mellorar a eficiencia da Administración e adaptar os servizos públicos ás necesidades da cidadanía de hoxe e de mañá.
Neste sentido, Argerey destacou algunhas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar a innovación nas políticas públicas como a formación dos empregados públicos; incentivos como os Premios aos/ás Empregados/as Públicos/as Innovadores/as; a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i; a creación de espazos de ensaio e experimentación e a extensión da fórmula da Compra Pública de Innovación a todos os departamentos da Administración autonómica.
No evento, que abriu a directora do Centro Galego de Innovación da FP, Marta Vázquez, tamén interviron a presidenta da Fundación Cotec, Cristina Garmendia; o director xeral de Persoal, Formación e Innovación do Goberno de Aragón, José María Cabello, e o director de Educación en EsadeEcPol e consultor do Banco Mundial, Lucas Cortázar.