Alumnos de comunicación audiovisual gravarán os videoclips dos grupos Glasgow, Medomedá e Banda Crebinsky en Can Campus

A Agadic patrocina este programa da Universidade de Vigo como espazo de formación e creación ao abeiro do Festival de Cans.

Juan Carlos F. Fasero subliñou que o proxecto entronca, ademais, co ámbito das industrias culturais en aspectos como a profesionalización do sector, a promoción cultural, a imaxe corporativa e a mercadotecnia.

Alfonso Pato e Oswaldo García coordinan esta iniciativa, que conta coa titoría profesional do director Quique Otero e da firma DSK de Juan Lesta e Belén Montero.

Mar, 28/02/2012 - 14:09
Alumnos de comunicación audiovisual gravarán os videoclips dos grupos Glasgow, M
Alumnos de comunicación audiovisual gravarán os videoclips dos grupos Glasgow, Medomedá e Banda Crebinsky en Can Campus

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina a segunda edición de Can Campus que, promovido pola Universidade de Vigo mailo Festival de Cans, ofrece aos estudantes de Comunicación Audiovisual un espazo de formación e creación nun contexto profesional. Así, unha vintena de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra integrará os equipos de traballo encargados da realización de senllos videoclips para os grupos Glasgow, MeDoMedÁ e Banda Crebinsky, así como de varias pezas publicitarias e documentais arredor do certame pontevedrés de curtametraxes e deste proxecto.

Ademais das vertentes formativa e creativa de Can Campus, o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, destacou hoxe que esta iniciativa “entra de cheo a favorecer o eido das industrias culturais a través de distintas vías que avanzan en conexión”. Neste sentido, sinalou que “entronca con aspectos indispensables para o desenvolvemento das empresas do sector", favorecendo o contacto dos alumnos cun ámbito de traballo profesional, ampliando as posibilidades de promoción de grupos musicais emerxentes e mesmo subliñando a importancia da imaxe visual corporativa e dos formatos de vídeo na mercadotecnia aplicada aos produtos culturais.

Fasero fixo estas declaracións no transcurso da presentación do proxecto na que interviñeron, asemade, Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Alfonso Pato, guionista, director do Festival de Cans e coordinador de Can Campus xunto co profesor Oswaldo García; e o realizador Quique Otero.

Titorías profesionais

Quique Otero será precisamente o director do videoclip da Banda Crebinsky, grupo que xurdiu a raíz da gravación da banda sonora da súa primeira longametraxe como realizador, Crebinsky. Tamén exercerán como titores profesionais Juan Lesta e Belén Montero, poñéndose á fronte dos traballos de produción e realización dos vídeos de Glasgow e MeDoMedÁ, dúas novas bandas procedentes de Santiago de Compostela e Ames, respectivamente, ás que se lles brinda a oportunidade de gravar o seu primeiro videoclip. Con ampla experiencia na dirección de proxectos audiovisuais relacionados coa música, Lesta e Montero manteñen a firma DSK baixo a que teñen asinado clips para grupos como Astrud,  Fangoria ou La Buena Vida.

Paralelamente, un cuarto grupo de alumnos formará outro equipo de traballo co obxectivo de promover tanto o Festival de Cans como o Can Campus a través dunha campaña publicitaria de spots e virais en soporte audiovisual e de tres pezas documentais.

Estrea en Cans

Trala selección dos alumnos participantes, a partir dunha convocatoria para a presentación de proxectos, en marzo iniciaranse os labores de preprodución coa busca de localizacións axeitadas na aldea de Cans, que xunto coa propia Facultade de Comunicación será escenario da gravación das diferentes pezas a partir do 14 de abril. Todas elas serán estreadas no marco do Festival de Cans, que celebra a súa novena edición do 23 ao 26 de maio.

Os alumnos contarán, así mesmo, co asesoramento académico dos profesores Oswaldo García e Carlos Soutelo. O obxectivo é fomentar o espírito emprendedor dos estudantes como paso previo cara á súa integración no mercado laboral, así como favorecer a súa toma de contacto coas diferentes técnicas de gravación  e disciplinas profesionais e artísticas implicadas na realización deste tipo de produtos audiovisuais.

Menús News node R

Tema