Xunta e empresas punteiras lanzan dez retos no programa Innovatech FP a 800 alumnos de 85 centros que deberán achegar solucións tecnolóxicas viables
Román Rodríguez destaca que esta “revolucionaria” proposta busca que os estudantes adquiran unha alta formación tecnolóxica “prioritaria para o seu futuro profesional”
“Trátase dun simulacro de actividade profesional moi específico que conecta o entorno académico co laboral a través da innovación educativa”, explica
Participan Viaqua, Pérez Rumbao, Diesemm, Finsa, Aceites Abril, El Pulpo, L’Oreal, Roberto Verino, Fundación San Rosendo e Naturgy
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada de posta en marcha do novo programa InnovaTech FP, onde se deron a coñecer os dez retos aos que terán que enfrontarse os 800 alumnos dos 85 centros participantes que, organizados en equipos, deberán achegar solucións tecnolóxicas viables ás propostas lanzadas por dez empresas integradas nesta acción pioneira da Xunta en colaboración co tecido empresarial galego.
Como se puxo de manifesto, os desafíos buscan solucións cun impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, á par de que o alumnado adquira novas habilidades, estimule a súa creatividade, reforce a innovación e, sobre todo, traballe en equipo.
Desde o Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, subliñou a importancia desta novidosa acción enfocada a que os estudantes adquiran unha alta formación tecnolóxica “prioritaria para o seu futuro profesional”. “Son desafíos moi específicos e para o seu desenvolvemento fai falla un entorno académico que permita conectar a innovación educativa a través da tecnoloxía, polo que InnovaTech contará co Centro Galego de Innovación de FP, con sede en Ourense, como polo tractor”, explicou o titular de Educación durante a inauguración das xornadas. “Isto é un simulacro de actividade profesional moi específico”, engadiu.
Propostas por empresas
Os retos propostos polas empresas tratan solucións tecnolóxicas en campos moi variados como o forestal, téxtil, alimentario ou de servizos. En concreto, a empresa Viaqua propón o deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais; Pérez Rumbao busca o desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción, e o grupo Diesemm quere unha solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos.
Finsa propón a creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais; Aceites Abril focalízase nun método ou sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado e a empresa El Pulpo quere que se cree unha colección téxtil reciclada. L’Oreal busca solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado, e Roberto Verino, o deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente. A Fundación San Rosendo tamén se suma aos retos propondo o desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores, e Naturgy aposta por ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución.
Implicación de 170 profesores
Con presenza duns 800 alumnos procedentes de 85 centros e a participación duns 170 profesores, esta xornada de Innovatech FP busca enriquecer a experiencia educativa e conectar o alumnado coas realidades e necesidades do sector industrial, ao tempo que fomenta un enfoque colaborativo e inclusivo. “A través desta primeira convocatoria de Innovatech, queremos sumar a todos os centros educativos de FP que conten con liñas de investigación, innovación e emprendemento ao proxecto, polo que de cara ao próximo curso, o noso obxectivo é dobrar o número de estudantes participantes, e triplicar o de empresas colaboradoras”, salientou o titular de Formación Profesional.
O listado de todos os centros participantes de Galicia nesta iniciativa xa se pode consultar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A xornada en Culleredo continuou co relatorio Persoas que cambian o mundo, sobre innovación e creatividade da man do enxeñeiro informático e CTO e cofundador de iAR, Miguel Ángel Llorente. Para culminar, a coach executiva en Evolutia Consulting realizou unha dinámica sobre o tratado ao longo da mañá co título A.A. Alfabetización artificial.
FP Galicia 2030
Este programa enmárcase dentro de dúas grandes iniciativas coas que a Xunta de Galicia vén reforzando a FP galega: a Estratexia de FP Galicia 2030, dotada con 900M€, é a folla de ruta que busca desenvolver a I+D+i como parte do apoio ao desenvolvemento empresarial e, especificamente, o Plan Innova FP, con 8,3M€ para impulsar actuacións de innovación e emprendemento no seo da FP galega.
Deste xeito, InnovaTech supón un programa revolucionario para o apoio da formación dixital destes futuros profesionais e responde aos retos identificados polo propio tecido produtivo a través do Plan Conecta FP, que puxo sobre a mesa as necesidades tecnolóxicas dos principais sectores. Por iso, a través deste Plan, o alumnado enfrontarase a estes retos con equipos multidisciplinares. Unha oportunidade máis para continuar consolidando Galicia “como a Comunidade referente na FP e líder indiscutible neste eido grazas a tres coordenada claras como a confianza das familias, a utilidade para o alumnado e o prestixio das empresas”, concluíu Román Rodríguez.