Plan integral contra o acoso ecolar e o ciberacoso con puntos laranxas físicos e virtuais para denunciar de forma anónima e segura

O presidente da Xunta explica que estes espazos, cunha imaxe común, identificable e accesible, funcionarán como un caixa de correo na que o alumnado poderá trasladar situacións de acoso propias ou que perciba en terceiros

Avanza que o documento, aprobado no Consello, tamén inclúe a constitución de equipos de actuación contra o acoso escolar en cada centro, cun procedemento para seguir

O plan está enfocado a lograr a tolerancia cero ante calquera forma de violencia e discriminación na escola e ofrecer unha resposta áxil, eficaz e coordinada

A Xunta ratifica o seu compromiso na loita contra o acoso escolar cunha aposta construtiva e multidisciplinar coa implicación de seis departamentos do Goberno

O plan recolle sete liñas de traballo e 49 accións específicas para blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas

Refórzase a formación docente para que o profesorado dispoña de habilidades e recursos que lle permitan identificar estes casos e a mellor maneira de intervir

Poténciase a participación das familias a través dunha canle dixital con formación e información para detección temperá e resolución pacífica de conflitos

Inclúense propostas educativas para o alumnado dirixidas a mellorar as relacións interpersonais, a empatía e o respecto e o uso responsable e seguro da internet

Xov, 23/11/2023 - 15:45
c

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar 2023-2025 que, segundo precisou, vaise aplicar este mesmo curso, e que forma parte do conxunto de accións específicas na “intensa loita” neste eido marcada polo Executivo galego. Entre as súas principais medidas, atópase a instalación de `puntos laranxas’, a modo de caixas de correos, tanto físicas como virtuais, a través dos cales o alumnado poderá denunciar de forma anónima e segura estes casos. 

“Os abusóns non teñen cabida no sistema educativo galego”, advertiu o mandatario galego, quen defendeu este plan que ten como como meta a “tolerancia cero” ante calquera forma de violencia e discriminación nos centros educativos. Para isto, establécese un conxunto de accións específicas dirixidas a blindar que os centros escolares galegos sexan “seguros, inclusivos e respectuosos”. “Este ten que seguir sendo un obxectivo irrenunciable”, defendeu. 

Rueda explicou que a aprobación deste plan supón o cumprimento do establecido na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta que fixa novos retos neste eido, “e hoxe damos un paso importante máis”, salientou, á vez que lembrou que os centros galegos se caracterizan polo seu alto grao de inclusión e presentan un bo clima de convivencia, tal e como avalan os datos das distintas enquisas realizadas ao conxunto da comunidade educativa.

Non obstante, defendeu que é preciso seguir traballando para erradicar calquera situación de acoso facendo fincapé na detección precoz e na intervención axeitada e promovendo unha cultura de respecto, empatía e tolerancia.  

Punto laranxa

Unha das accións salientadas polo presidente da Xunta é que todos os centros escolares contarán cun ‘punto laranxa’ contra o acoso escolar, tanto físico nas propias instalacións como virtual a través dos seus webs. Segundo precisou, estes puntos, que terán unha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles, funcionarán como unha caixa do correo a través da cal o alumnado poderá comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.  

Rueda indicou que para xestionar esta caixa do correo, en cada centro educativo constituirase un equipo de actuación contra o acoso escolar, que estará integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro. Deste xeito, o alumnado vai contar cun equipo de referencia ao cal dirixirse en caso de que o precise. Ademais, no Protocolo de acoso e ciberacoso que se vai actualizar, establecerase un procedemento de intervención ante os posibles casos que se coñezan por esta vía.  

Na liña da loita contra o acoso e o ciberacoso desde unha perspectiva multidisciplinar e integral, o presidente da Xunta aclarou que estes ‘puntos laranxas’ non se van cinguir unicamente aos centros escolares, senón que tamén está previsto que se instalen en todos os espazos xoves e residencias xuvenís e de estudantes, e incluirase formación específica para o persoal destes centros. 

Formación específica para o profesorado

Outro dos puntos clave que foi explicado por Rueda é a formación do profesorado, que debe dispoñer de todos os mecanismos e ferramentas necesarias para actuar. Nesta liña, avanzou que o plan de accións formativas específicas para que os docentes se doten de habilidades e recursos que lles permitan identificar situacións de acoso e ciberacoso, intervir apoiando as vítimas e atender as posibles persoas acosadoras e observadoras.  

Para iso colaborarase con outros profesionais dos sectores sanitario e social, e contarase co apoio da Administración de xustiza, con acceso a profesionais especializados no eido xudicial e dispoñibilidade de material formativo en relación coa erradicación da violencia sobre menores e adolescentes.  

Nesta liña, os integrantes do equipo de actuación contra o acoso escolar recibirán unha formación específica orientada a tramitar o procedemento que abrangue a investigación dos feitos, reunións coas persoas implicadas ou a xestión de denuncias, entre outros.  

Tamén se deseñará formación específica para os equipos directivos, a Inspección Educativa, os coordinadores de benestar e para o exercicio da función titorial na medida en que o titor é unha persoa clave na vida académica do alumno.  

Participación activa das familias

As familias desempeñan un papel fundamental para a prevención do acoso e o ciberacoso e, polo tanto, neste plan cobra unha especial relevancia a súa contribución para a prevención de conflitos e a resolución pacífica destes. De aí que se promova unha estreita colaboración entre as familias e os centros educativos habilitando liñas de comunicación coa escola para traballar de maneira conxunta.  

Para asegurar a súa participación fluída, crearase unha canle dixital para as familias que inclúa información, contidos formativos e materiais que axuden á detección temperá de condutas de acoso. Isto é, que as familias tamén dispoñan de ferramentas que as axuden a identificar cambios nos seus fillos que poidan derivar desas situacións.  

Para iso potenciarase o papel das asociacións de nais e pais con accións formativas desenvolvidas por profesionais da Consellería de Sanidade, e seguiranse ofrecendo obradoiros específicos para familias tanto nos centros como en concellos e asociacións deseñados pola Consellería de Política Social e Xuventude a través dos profesionais dos centros Quérote+.  

Fomentar o respecto e o uso seguro da internet entre o alumnado

No que atinxe ao alumnado, establécense propostas educativas para mellorar as relacións interpersonais, a empatía e a solidariedade desde idades temperás fomentando o respecto mutuo e a aceptación da diversidade, así como dotalos de ferramentas para que identifiquen e prevexan posibles situacións de risco.  

Neste caso faise especial fincapé no uso responsable e seguro da internet aproveitando as súas potencialidades, para o cal cómpre subliñar o reforzo de competencias a través de programas como Pegada dixital, Navega con rumbo e CiberLiga, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.  

Entre outras accións, cómpre destacar o programa Harmonía, para fomentar a educación na diversidade, programas de habilidades sociais e titorías entre iguais, intervención específica con mozos en risco de exclusión social ou actuación integral para menores de idade con medidas xudiciais.  

Tamén se implementarán programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais, como a creación do premio Tolerancia cero fronte ao acoso, o programa Ollamos para favorecer habilidades básicas para ser quen de afrontar situacións de acoso e ciberacoso, promoción de programas de alumnado axudante coa creación de redes de apoio nos centros ou o reforzo da competencia básica.  

Cómpre salientar que tamén se reforzará o traballo que xa se fai, desde a prevención e con obradoiros específicos para os centros educativos, no uso responsable das contornas virtuais, autoestima ou no benestar emocional, un traballo que se leva a cabo a través de obradoiros para alumnado de terceiro da ESO e primeiro de bacharelato que se poden solicitar ao servizo Quérote+ . 

Protocolo de acoso e ciberacoso

No marco do Plan integral, estase traballando nunha actualización do Protocolo de acoso e ciberacoso escolar que lles facilite aos centros educativos un procedemento práctico e accesible para detectar e intervir inmediatamente tras o coñecemento dunha posible situación deste tipo.  

Neste apartado tamén se prevé a elaboración dunhas instrucións dirixidas aos centros para o desenvolvemento do dito protocolo.