A Consellería de Cultura e Educación coordina o proxecto “Comenius” para loitar contra o acoso e a discriminación na escola en 4 países
A iniciativa, financiada con 400.000 €, impulsa o uso das novas tecnoloxías para a investigación de novas metodoloxías contra a violencia nas aulas
Na rede Arbax, creada a tal fin, ademais de España, participan Romanía, Irlanda e Finlandia
Deste xeito dáse continuidade ás actuacións desenvolvidas para a mellora do clima nas aulas, encabezadas pola Lei galega para a convivencia e participación da comunidade educativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será a encargada de coordinar os esforzos de catro países europeos nun proxecto financiado con 400.000 € de fondos europeos para loitar contra o acoso escolar e a discriminación nas aulas. A consellería ven de promover á creación da rede social ARBAX, un proxecto europeo que busca aproveitar o desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) como instrumento para a investigación de novas metodoloxías de educación en valores e para a loita contra a violencia nas aulas. O primeiro encontro para desenvolver esta actuación – inserida no proxecto europeo Comenius- celebrouse esta mañá na Consellería nun acto presidido polo director xeral de Educación, José Luis Mira Lema. Na reunión participaron representantes da Xunta de Galicia e do resto de organismos implicados, nomeadamente o Anti bullying Centre (ABC), do Trinity College Dublin (Irlanda); o Departamento de estudios de xénero da Universidade de Oulu (Finlandia); Grupo Escolar Victor Jinga (Romania); e o SC Concept Consulting (Romanía).
Desta forma a Consellería dá continuidade ás actuacións que está desenvolver para a mellora da convivencia nas aulas galegas. Neste sentido cómpre recordar que este Goberno é pioneiro na materia, a través da Lei para a Convivencia e participación da comunidade educativa, unha lei innovadora que aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar.
Rede social
Ao abeiro deste proxecto porase en marcha a rede social ARBAX, entorno no que estudantes de entre 12 e 18 anos participarán en actividades didácticas nas que se fomentará o debate crítico sobre conceptos como dereitos humanos, liberdade, igualdade, convivencia, cidadanía, inmigración, minorías étnicas, discriminación de xénero, racismo e xenofobia. A posta en marcha desta rede social estará precedida pola definición das diferentes formas de acoso escolar e as súas características, e o estudo da articulación entre o acoso escolar e as actitudes racistas e xenófobas entre a mocidade. Así mesmo, está prevista a análise das boas prácticas desenvolvidas ata o momento no eido da loita contra a violencia escolar, o bullying e o cyberbulling.
A partires da rede desenvolverase un xogo en 3D, interactivo e lúdico, no que se presenten situacións reais, cun enfoque participativo que permita ao alumnado de secundaria e Formación Profesional deseñar estratexias para combater a discriminación en todas as súas formas, en colaboración cos seus profesores e orientadores. Está previsto probar este materiais nun centro escolar de cada país participante, para despois analizar e avaliar os resultados co fin da súa posterior difusión.
Mellora do clima nas aulas
ARBAX nace como parte das actuacións desenvolvidas pola Consellería para a mellora do clima nas aulas, unha estratexia encabezada pola Lei para a Convivencia e participación da comunidade educativa, unha lei innovadora que ten como obxectivo xerar un marco de convivencia que garanta o respecto nas aulas. Non en balde, cómpre lembrar que esta Lei aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar.
En concreto, o equipo de profesionais e expertos que elaboraron a proposta centráronse no fenómeno do acoso escolar vinculado á discriminación en todas as súas formas, ero con especial atención á de tipo étnico-racial e ás condutas xenófobas. Así búscase deseñar un conxunto de ferramentas pedagóxicas e interactivas baseadas nas potencialidades das novas tecnoloxías, cuxa implementación se propón reforzar o compromiso na tarefa de crear unha sociedade europea aberta, solidaria e plural.