As compañías Caramuxo, Tanxarina e Eme2 levan o teatro infantil galego á feira europea FETÉN de Xixón

Representarán respectivamente as montaxes “Mensaxe sen botella” e “Trogloditas”, producidas co apoio da Agadic, e “Kafka e a boneca viaxeira”, realizada en coprodución con senllos grupos da Comunidade Valenciana e do País Vasco.

Este encontro profesional especializado en artes escénicas para a infancia, o maior do seu ámbito en España, celebra unha nova edición a partir do día 25.

Mar, 21/02/2012 - 13:54
As compañías Caramuxo, Tanxarina e Eme2 levan o teatro infantil galego á feira e
As compañías Caramuxo, Tanxarina e Eme2 levan o teatro infantil galego á feira europea FETÉN de Xixón

As compañías Caramuxo Teatro, Tanxarina e Eme2 son as representantes galegas na carteleira da feira FETEN de Xixón, o maior encontro profesional especializado en teatro infantil dos que se celebran en España, ao que acudirán cos seu espectáculos Mensaxe sen botella, Trogloditas e Kafka e a boneca viaxeira, respectivamente. Máis de 400 programadores e distribuidores están acreditados para esta nova edición da Feira Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas, que se desenvolve do 25 de febreiro ao 2 de marzo na cidade asturiana.

Mensaxe sen botella, de Caramuxo, e Trogloditas, de Tanxarina, preséntanse en FETEN precedidas dunha gran acollida por parte de público e crítica durante as súas extensas xiras por Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou ambos espectáculos a través da súa convocatoria de axudas á produción en 2010 e á continuidade da actividade escénica en 2011. En Xixón, Laura Sarasola e Juan Rodríguez ofrecerán dúas funcións de Mensaxe sen botella o domingo 26, mentres que os Trogloditas aos que dan vida Miguel Borines, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Andrés Giráldez ocuparán o paseo de Begoña nas tardes do luns 27 e o martes 28.

Estrea recente

Pola súa banda, Eme2 chega a FETEN coa súa última montaxe, Kafka e a boneca viaxeira, que coproduce xunto á compañía valenciana Albena Teatre e á vasca Tanttaka Teatroa. Xosé Manuel Olveira “Pico”, Rocío González e Lucía Regueiro interpretan a versión galega da obra de Jordi Serra i Fabra que, baixo a dirección de Cristina Domínguez, foi estreada o pasado 20 de xaneiro na Coruña. O Teatro Jovellanos acollerá a súa representación na feira asturiana na mañá do luns 27 de febreiro.

En Galicia tamén haberá oportunidade de volver ver proximamente estes tres espectáculos, que suman un total de 18 funcións na carteleira da Rede Galega de Teatros para este primeiro semestre de 2012.

Organizada polo Concello de Xixón, esta nova edición de FETEN ofrecerá 140 representacións a cargo de 67 compañías de España, Austria, Bélxica, Bulgaria, Cuba, Dinamarca, Francia e Portugal. Estas cifras confirman este encontro como o de maior e máis completa oferta no seu xénero en España, así como un dos máis destacados a nivel europeo. Na súa programación inclúense, asemade, xogos e instalacións para o público infantil, ademais de presentacións, reunións e encontros profesionais a través dos que se afondará na análise das novas tendencias culturais e especialmente das fórmulas para impulsar un mercado cultural que fortaleza o sector das artes escénicas.

Menús News node R

Tema