O conselleiro de Cultura e Educación trasladou a súa felicitación aos representantes do audiovisual galego galardoados nos Premios Goya

Xesús Vázquez Abad expresoulles a cada un dos premiados o seu compromiso co sector e a súa ledicia tras o gran éxito acadado polo audiovisual galego

Arrugas foi unha das grandes vencedoras na gran festa do cine español ao acadar dous Goya, Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado

Lun, 20/02/2012 - 18:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, trasladoulles hoxe a súa felicitación a Ángel de la Cruz, polo Goya acadado na categoría de Mellor Guión Adaptado por Arrugas, a Manuel Cristóbal e todo o equipo de Perro Verde Films, polo de Mellor Película de Animación, de novo por Arrugas –unha das grandes vencedoras nesta 26ª edición dos Goya– e, a Alberto Vázquez e Pedro Rivero polo de Mellor Curta de Animación con Birdboy.

O conselleiro comentou con Ángel de la Cruz a importancia do premio ao Mellor Guión Adaptado para o recoñecemento da animación como un xénero maior do cine: un premio acadado –dixo– nunha categoría non estritamente técnica e que supón un salto cualitativo para consolidar un xénero que xa conta co aprecio do público. De la Cruz e os seus compañeiros, Rosanna Cecchini, Paco Roca e Ignacio Ferreras, impuxéronse nesta ocasión a nomes consagrados como Pedro Almodóvar, Icíar Bollaín ou Benito Zambrano.

Asemade, nas súas felicitacións o conselleiro agradeceu o recordo que Ángel de la Cruz tivo para o sector audiovisual galego e as palabras de agradecemento de Manuel Cristóbal para todas as institucións e empresas que fixeron posible Arrugas, entre elas a Xunta de Galicia.

Menús News node R

Tema