Anxo Lorenzo destaca a potencialidade da ilustración para a proxección da cultura galega no ámbito internacional

O secretario xeral de Cultura participou hoxe na apertura do congreso Ilustrando a Diversidade, un foro no que profesionais do sector de Galicia e do estranxeiro analizan o estado actual da ilustración a través dos seus diversos formatos

Lun, 20/02/2012 - 18:22
Apertura do congreso Ilustrando a Diversidade
Anxo Lorenzo destaca a potencialidade da ilustración para a proxección da cultura galega no ámbito internacional

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou esta mañá que, nas últimas décadas, as ilustradoras e os ilustradores galegos levan sido “unha excelente carta de presentación da creatividade galega no ámbito internacional”. O responsable de Cultura fixo estas declaracións durante a apertura do congreso internacional Ilustrando a Diversidade, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do proxecto Campus Culturae.

Esta iniciativa congrega desde hoxe e ata o xoves profesionais do sector de Galicia e de diversos países, que ofrecerán unha visión do estado actual da ilustración a través do seus diversos soportes. Neste sentido, o secretario xeral asegurou que “o diálogo multicultural nos diferentes campos creativos é imprescindible para coñecerse e para darse a coñecer, para contribuír á diversidade das culturas e para afianzar un espazo internacional para a propia”.

Anxo Lorenzo destacou durante a conferencia inaugural que Galicia conta cunha “rica historia de ilustradores que fai xurdir entre a nosa tradición artística unhas características propias e definibles” e fixo un breve percorrido pola historia para situar a construción da ilustración en Galicia no marco da cultura galega. 

Desafíos do presente e do futuro da ilustración

“Deste percorrido, que temos que coñecer e poñer en valor para poder trazar liñas de futuro, podemos ir albiscando xa algúns dos desafíos que temos por diante e que discorren en paralelo ás liñas e reflexións actuais do conxunto das industriais culturais”, dixo. Para abordar estes retos, Anxo Lorenzo apostou por favorecer o desenvolvemento económico, xa que “a ilustración é unha actividade que xera emprego e que mobiliza recursos económicos e industriais”.

Así mesmo, incidiu no interese de “continuar impulsando cara ao exterior iniciativas creativas de empresas e de autores, para favorecer a internacionalización do sector”, así como na necesidade de aproveitar as posibilidades que ofrecen os medios dixitais para impulsar proxectos, máis viables e sostibles, e novas iniciativas de traballo”. Finalmente, destacou “os ámbitos nos que Galicia é unha potencia creadora e industrial no sector da ilustración, como o caso do audiovisual, para seguir apostando por eles”.

Menús News node R

Tema