Román Rodríguez destaca o incremento do 26% na matrícula da FP Dual este curso
A Formación Profesional galega acada un novo récord de matriculados, 64.570, un 6% máis, un incremento que se cuadriplica na modalidade dual.
O novo edificio de talleres do instituto estradense, cun investimento de 3M€, permite dar resposta á necesidade do centro de contar cun espazo novo.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, que contará o ano que vén cun novo edificio de talleres para o alumnado dos ciclos de Madeira a través dun investimento de 3M€ por parte da Xunta de Galicia. “Unha acción que supón unha nova aposta do Goberno galego pola Formación Profesional, unhas ensinanzas que acadaron este curso un novo récord histórico, con 64.570 matriculados, un 6% máis ca no 2022/23”, destacou.
“Este incremento –especificou– cuadriplicouse no caso da FP Dual que, con preto de 3.000 estudantes, rexistra un incremento do 26% no número de matriculados, o que dá conta do interese crecente por esta modalidade”, salientou Román Rodríguez.
O Instituto Antón Losada Diéguez conta, de feito, este ano cun proxecto neste sentido, co ciclo de Administración de sistemas informáticos en rede, que se imparte na modalidade dual en colaboración coa empresa Ozona Tecnologías de la Información cunha decena de matriculados. “A reedición deste proxecto de FP Dual, do que xa saíu a primeira promoción a remate do pasado curso, e a apertura dun grupo no máster de FP en Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos (con 13 alumnos) son as principais novidades na oferta deste centro, que é un dos grandes referentes na FP na comarca”, destacou o conselleiro.
Primeiro trimestre de 2024
No que se refire ás obras de ampliación, Román Rodríguez lembrou que esta actuación dá resposta a unha necesidade do centro de contar cun espazo propio para o desenvolvemento dos ciclos de Madeira, Moble e Cortiza. O obxectivo é que o novo edificio de talleres estea rematado no primeiro trimestre do ano 2024. Neste momento está executada toda a planta semisoto, chan, teito e paredes.
A nova construción consta de dúas plantas e sitúase nunha das antigas pistas deportivas existentes, fronte ao edificio do ximnasio. A planta baixa está dotada cunha aula polivalente e unha técnica, vestiarios, o cuarto de limpeza e cuarto de instalacións e un almacén. O andar superior albergará a sala de profesores, un aseo, outro almacén e a área de talleres de carpintería e moble, mecanizado, montaxe, instalación e acabado. O taller contará cunha superficie útil total de 1.270 m².
Esta actuación súmase á reforma dos talleres para estes ciclos acometida no instituto Antón Losada Diéguez no ano 2020, que supuxo un investimento de máis de 220.000€. Enmárcase, ademais, no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros educativos e que ten entre os seus obxectivos principais o de acadar uns centros educativos preparados para afrontar os novos retos do ensino do século XXI.