Expertos educativos de Reino Unido e Portugal e de catro comunidades participan no primeiro Congreso Internacional de boas prácticas liderado por Galicia

Román Rodríguez subliña que a observación das prácticas educativas na aula é unha das ferramentas de formación docente “máis efectivas e mellor valoradas”

En Galicia participan no programa un total de 70 centros que inician agora a fase de observación entre docentes das comunidades adheridas ao mesmo

Mér, 04/10/2023 - 18:22
x

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, abriu esta mañá o primeiro Congreso Internacional Observa_Acción, de formación de boas prácticas educativas que congrega en Santiago de Compostela arredor de medio milleiro de docentes e que conta coa participación de expertos de Reino Unido e de Portugal así como das comunidades autónomas de Aragón, Castela e León, Estremadura e Madrid, para expoñer as súas experiencias.

Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou que este modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra da Comunidade galega “é un dos instrumentos de formación do profesorado máis eficaces, máis efectivos e mellor valorados pola OCDE”. O fin último desta observación é que o profesorado participante poida analizar como desenvolve o seu labor, compartir ideas e fomentar un diálogo construtivo sobre as prácticas pedagóxicas.

Intercambio a nivel estatal e europeo

En Galicia, o programa Observa_Acción implantouse por primeira vez, con carácter experimental, no curso 2017-18, como unha nova vía de innovación educativa incorporada á formación do profesorado con intercambios inter-centros e inter-pares co fin de facilitar que os docentes observaran de forma directa metodoloxías, distintos enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, outras formas de relación e comunicación ou diferentes vías de xestión dos recursos propios e alleos, fomentando a adaptación e a aplicación do aprendido na súa praxe diaria.

Tras a pandemia, o programa retomouse o pasado curso 2023-24 coa participación de 70 centros educativos e arredor de 820 persoas nas dúas primeiras fases do programa, que foron a observación de prácticas metodolóxicas entre docentes do mesmo centro educativo e entre centros.

Agora, ata febreiro de 2024, ábrese a terceira fase de intercambio de observación entre docentes das diferentes comunidades autónomas adheridas. O programa complétase cunha cuarta fase, de febreiro a xuño de 2024, de internacionalización, que consistirá nunha estadía nun centro educativo dun dos países socios europeos, o que permitirá aos docentes entrar en contacto coa realidade diaria dun sistema educativo nun contexto internacional.

Programa da xornada

No que atinxe ao encontro de hoxe, tras a apertura institucional por parte do conselleiro Román Rodríguez, a conferencia inaugural corre a cargo de Matthew O’Leary, catedrático de Educación e director do centro de investigación CSPACE da Universidade de Birmingham, baixo o título Reimaxinando a observación como ferramenta para entender e mellorar a calidade do proceso ensino-aprendizaxe.

Ao longo da mañá continuarán as sesións de traballo coa exposición de experiencias de éxito do programa en Galicia coa participación dos colexios Martínez Alonso (Mos) e Plurilingüe Santa Lucía (Moraña), dos institutos Sofía Casanova (Ferrol), Plurilingüe A Cachada (Boiro), Carlos Casares (Viana do Bolo), Xograr Afonso Gómez (Sarria) e das escolas oficiais de idiomas da Coruña e de Pontevedra.

Na sesión de tarde haberá unha mesa redonda internacional coa participación de técnicos e asesores educativos dos gobernos autonómicos de Galicia, Castela e León, Aragón, Madrid, Estremadura, ademais de Portugal, así como relatorios con experiencias de éxito noutras comunidades autónomas.