A Xunta consolida un investimento de case 54M€ en accións estratéxicas de I+D+i nas Universidades públicas galegas no período 2019/2024
O Consello da Xunta autoriza unha nova inxección de máis de 14M€ neste ano e o próximo para impulsar esta liña prioritaria do Plan de Financiamento Universitario
O obxectivo é intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos
Entre outros conceptos, os novos convenios inclúen o financiamento basal dos centros de excelencia, así como a captación e retención de talento investigador
Finánciase o impulso e divulgación científica, estratexias para promover as titulacións duais e de excelencia e accións para a especialización dos campus
As achegas destinaranse tamén a obras, acondicionamento de laboratorios e adquisición de equipamento tecnolóxico de alta especialización
A Xunta vai consolidar un investimento de case 54M€ en accións estratéxicas de I+D+i nas universidades públicas galegas no período 2019/2024 a través da sinatura de tres novos convenios de investigación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa de Vigo (UVigo) e coa da Coruña (UDC), autorizados hoxe no Consello da Xunta. Estes acordos supoñen unha nova inxección 14,1M€ por parte do Goberno galego nos anos 2023 e 2024 para impulsar esta liña prioritaria do Plan Galego de Financiamento Universitario, creada para unificar os esforzos impulsados neste ámbito.
As accións que se enmarcan nestes convenios están dirixidas ao fortalecemento das súas infraestruturas científicas e equipamento tecnolóxico principalmente, co obxectivo de intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos.
Entre outros conceptos, inclúen o financiamento basal dos centros de excelencia da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS), así como a captación e retención de talento investigador. Finánciase, así mesmo, o impulso e divulgación científica, estratexias para promover as titulacións duais e accións para a especialización dos campus; así como as obras, o acondicionamento de laboratorios e adquisición de equipamento tecnolóxico de alta especialización.
No caso da USC, marca como áreas prioritarias do convenio a actualización de infraestruturas científicas, as estruturas de investigación e captación de talento, as accións transversais de I+D+i, as iniciativas en materia de mestrados e graos, as obras singulares e as accións en divulgación.
Melloras no Observatorio e novo centro de investigación
A primeira delas executarase a través da adquisición de todo tipo de equipamento (detector de raios X de alta sensibilidade, sistema de visualización baixo luz polarizada, microscopio confocal Raman...), acondicionamento, construción e adaptación de laboratorios, mentres que a segunda ten como finalidade reforzar os centros de investigación e potenciar a actividade investigadora de excelencia. Neste caso as achegas destinaranse á incorporación de talento investigador, a impulsar a participación dos grupos de investigación nas diversas convocatorias de proxectos internacionais, á elaboración dos plans estratéxicos dos centros de investigación especializados e á ampliación de contratos posdoutorais. Tamén se financiará ao seu abeiro a parte da actividade dos centros de investigación, incluídos e non incluídos na Rede CIGUS.
No que atinxe ás accións transversais, desenvolveranse as de transferencia de investigación, as xornadas de portas abertas ou a celebración de congresos. Tamén contempla a mellora da Fundación Rof Codina, en concreto a posta en marcha dun módulo para porcino e a contratación de persoal colaborador investigador.
A cuarta liña prioritaria, en mestrados e novos graos, contempla a posta en marcha dunha experiencia piloto de mestrado dual, cun proxecto formativo común que se desenvolvería de forma complementaria nun centro universitario e nunha entidade colaboradora (empresa, institución, organización social ou sindical ou administración). Tamén se inclúen accións en materia de innovación educativa, de mellora dos estudos de doutoramento, da calidade dos mestrados que contan con mención de excelencia e dos laboratorios do grao en Bioquímica, entre outros.
O apartado de obras singulares distribuirase en actuacións para rematar a implantación do grao en Intelixencia Artificial, na rehabilitación do edificio Chalé dos Catedráticos como sede dun novo centro de investigación no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades e na adecuación e reacondicionamento de diferentes espazos de investigación.
Finalmente, a liña de accións de divulgación inclúe tanto a rehabilitación e ampliación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que acolle gran número de actividades divulgativas para escolares e todo tipo de público, así como a adaptación de espazos para a Rede de Centros de Divulgación, que está a conformar a USC para fomentar o interese pola ciencia e a cultura científica na sociedade.
Captación e retención de talento
Pola súa banda, a UVigo centra as áreas obxecto do convenio na captación do talento, os centros, as estruturas de investigación, as obras singulares e outras accións con foco específico na I+D+i e na calidade da docencia. A primeira delas executarase con incentivos tanto para a consolidación como para a atracción de talento para novas necesidades estratéxicas e para apoiar os investigadores pertencentes a programas como o Ramón y Cajal, Beatriz Galindo ou Juan de la Cierva.
No caso dos centros, inclúe o desenvolvemento de xornadas de portas abertas nos centros singulares de investigación, actividades de difusión da ciencia e promoción de vocacións científicas, formación de persoal para dar resposta aos novos retos en materia de xestión de fondos e promoción de proxectos de investigación e transferencia. Tamén se destinarán partidas deste orzamento ao apoio a diferentes actividades desenvolvidas no Centro de Investigación Mariña (CIM), no Centro de Investigación Biomédica (CINBIO) e no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), ademais de ao financiamento basal dos centros da Rede CIGUS.
No que atinxe ás novas estruturas de investigación, inclúe o apoio á transformación de agrupacións estratéxicas saíntes, como o ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e as centradas na especialización: Campus CREA, Campus Auga ou Vigo Tecnolóxico. Tamén o impulso á posta en marcha de novas estruturas e para a creación de dous novos institutos, un centrado na Xustiza e Xénero e outro de Física e Ciencias Aeroespaciais.
As actuacións incluídas no apartado de obras singulares abranguen o acondicionamento dos laboratorios do grupo de Enxeñaría Química BIOSUV, o acondicionamento de espazos para o traslado do CACTI ao Edificio do Campus da Auga.
Por outra parte, apóianse accións de alto impacto e interese na I+D+i, como a prórroga de contratos posdoutorais, proxectos colaborativos coa UMinho, apoio á organización de congresos internacionais, edición de bibliografía en galego, promoción da Ciencia Aberta ou o desenvolvemento e tramitación de patentes e spin-offs. Inclúe, asemade diferentes actividades no marco da campaña de escavación de Adro Vello, no Grove, e a produción dun documental sobre o dereito civil en Galicia.
Por último, ao abeiro das accións que inciden na calidade da docencia, impúlsanse accións de apoio aos mestrados de excelencia e dúas experiencias piloto, unha de mestrado dual e outra de incentivo de accións de innovación docente. Inclúe, tamén, o desenvolvemento dun proxecto de virtualización de laboratorios.
Accións de impacto
A UDC sitúa como actuacións preferentes as enmarcadas no fortalecemento dos centros, as novas estruturas de investigación, a mellora de graos e mestrados e o acondicionamento de laboratorios de apoio á investigación e dixitalización, entre outros.
No caso dos centros, a achega centrarase no CITIC (Centro de Investigación en TIC), como centro integrante da Rede CIGUS, para o seu financiamento basal, promoción e divulgación de coñecemento, entre outros conceptos.
No referido ás novas estruturas de investigación, financiaranse a xestión e gobernanza, o fortalecemento, as liñas estratéxicas, o talento e os gastos estruturais de tres centros: o CICA (Centro de Investigación Científica Avanzada), o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) e o CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxía Navais e Industriais).
O apartado de mellora de graos e mestrados abrangue tanto a posta en marcha dun proxecto de mestrado dual como o impulso dos mestrados de excelencia e o lanzamento e promoción do mestrado orientado á Terapia Ocupacional. Tamén novos equipamentos para o laboratorio de creación dixital e emprendemento (Crealab) e os másteres interuniversitarios de biofabricación e de vehículos autónomos.
A partida de acondicionamento e dixitalización distribuirase en diferente melloras de equipamento e espazos en laboratorios e no edificio de servizos centrais da investigación. Así mesmo, impulsarase a dixitalización da I+D+i na UVigo a través da implantación dun novo programa de xestión.
Pecha o programa de necesidades da UDC a liña de accións dun foco específico de alto impacto en I+D+i. Entre elas, crearase o XACIDI (servizo de Xestión, Apoio e Coordinación da Investigación, Desenvolvemento e Innovación), coa finalidade de captar fondos e talento, realizar tarefas de asesoría técnica ou para a tracción de proxectos de I+D+i con outras entidades ou pertencentes ao tecido empresarial estratéxico.
Ademais, inclúe accións para preparar a acreditación de novos campus de especialización, a adquisición de equipamento tecnolóxico (simulador de alta tensión, unidade de xerminación e cultivo controlado, microscopio de barrido electrónico...) e o desenvolvemento do proxecto SIGMA ACADEMICS, un novo software de xestión académica integral, entre outros conceptos.