Proxectos de formación do profesorado de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial 2023-2024

Mar, 19/09/2023 - 10:05

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, como responsable da planificación da formación do profesorado, convoca proxectos de formación específicos para o profesorado que imparte docencia nas ensinanzas de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial en centros públicos para o curso 2023-2024.

Que son?

Esta modalidade de formación desenvólvese nos propios centros educativos, favorece e estimula o traballo en equipo do profesorado e propicia a innovación, a mellora da práctica docente e a actualización científico-técnica, de modo que incida na mellora da educación.

Convocatoria

Convócanse proxectos de formación do profesorado de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, nos centros educativos de niveis non universitarios que impartan estas ensinanzas.

Cada proxecto deberá contar cun coordinador ou cunha coordinadora e poderá incorporar profesorado de diferentes centros que compartan a súa necesidade de formación, coa finalidade de acadar o óptimo aproveitamento dos recursos.

Destinatarios

Poderá participar nesta convocatoria o profesorado que teña atribución docente nas ensinanzas de formación profesional ou nas ensinanzas de réxime especial, ou que exerza a xefatura dos departamentos de Orientación ou de Información e Orientación Profesional, e que estea destinado nalgún centro público dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou noutros centros públicos pero que forme parte do cadro de persoal desta consellería.

  • Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, e facilitarlle ao resto do profesorado o acceso á información obtida mediante a elaboración e a difusión de actividades de aplicación directa a aula.
  • Fomentar a súa formación nas competencias profesionais para abordar con eficacia todas as situacións do proceso de ensino e aprendizaxe, e no desenvolvemento das funcións que o profesorado debe desempeñar nunha sociedade complexa e en permanente cambio.
  • Potenciar a relación entre o profesorado de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial e as empresas para, deste xeito, ofrecerlle unha mellor orientación ao alumnado de formación profesional e de ensinanzas réxime especial.
  • Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora consensuada da educación do alumnado e do funcionamento dos centros, así como para a posta en práctica e a avaliación de accións que repercutan na mellora da calidade dos procesos curriculares e organizativos.
  • Promover a formación e a actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica dos equipos docentes a través do traballo colaborativo e do fomento da súa autonomía, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado

Liñas de traballo

  1. Innovación tecnolóxica e científica.
  2. Innovación didáctica.
  3. Actualización da competencia dixital docente.
  4. Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial.
  5. Orientación profesional, xestión do talento e emprendemento.
  6. Plurilingüismo na formación profesional e nas ensinanzas de réxime especial.
  7. Atención á diversidade, convivencia, equidade e igualdade de xénero nas ensinanzas de formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
  8. Organización e xestión.
  9. Actualización científica e didáctica do profesorado de formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Modelos de documentación relacionada cos proxectos de formación