A Xunta abre o prazo para que a mocidade galega do exterior solicite as bolsas Retorna Talento FP

Convócanse 108 axudas, en dúas modalidades, dirixidas a facilitar que estes rapaces melloren a súa cualificación e poidan volver á súa terra de orixe

Por primeira vez ofértanse 60 prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que se enmarca na Estratexia Galicia Retorna

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de setembro

Sáb, 19/08/2023 - 10:02
fp

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das 108 bolsas Retorna Talento FP, dirixidas a que a mocidade galega do exterior poida realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. Por primeira vez ofértanse neste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados.

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego quere promover o retorno de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026.

Dúas modalidades

A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan. Así, a modalidade A contempla 48 bolsas para estudar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2023/24. Neste caso a bolsa é de 6.500€ por alumno e a relación de programas formativos ofertados, a razón de 16 prazas cada un, é a seguinte:

Concello

Centro

Programa formativo de formación específica básica

A Coruña

CIFP Someso

Albanelaría e fontanería

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

 

Pola súa banda, a modalidade B inclúe un total de 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual nos cursos 2023/24 e 2024/25, cunha bolsa de 10.800€ por estudante. Os alumnos poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Neste caso, durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero a formación práctica nas empresas será sempre presencial, ao igual que todo o segundo curso.

Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello

Centro

Ciclo de FP Dual

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Deseño e amoblamento

A Coruña

CIFP Someso

Ciclo superior de Proxectos de edificación

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos

Redondela

IES de Chapela

Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia

Ata o 19 de setembro

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de setembro e deberán facerse a través da aplicación informática Ciclosadmisión. Os requerimentos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.