A Rede de Dinamización Lingüística impulsará a promoción do uso do galego desde o ámbito do deporte
O responsable de Política Lingüística compartiu coa primeira tenente de alcalde de Vilagarcía de Arousa as liñas de traballo aprobadas polo Consello de Membros da Rede para a promoción do uso social do galego no deporte para 2012
Nas vindeiras semanas iniciarase unha comisión técnica encargada de planificar e definir as accións contempladas para o deporte no marco da súa programación anual de actividades
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo hoxe pola maña un encontro institucional coa primeira tenente de alcalde do concello de Vilagarcia de Arousa, Marta Rodríguez Arias, no que puideron compartir os intereses dos gobernos autonómicos e local a prol da extensión social da lingua galega.
Na consecución deste obxectivo, a Xunta de Galicia conta co apoio do municipio pontevedrés, que xa forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa posta en marcha en setembro de 2010 pola secretaría xeral para favorecer a colaboración, a coordinación e as accións de fomento de uso do galego desde o ámbito municipal.
Tras o encontro desenvolvido hoxe no concello de Vilagarcía de Arousa, o secretario xeral sinalou que “esta visita ten como finalidade coñecer de primeira man as accións e as liñas de traballo postas en marcha por un dos concellos con maior experiencia na dinamización do deporte base en Galicia, para ver así as súas potencialidades no marco do proxecto da Rede de Dinamización Lingüística, da que xa forma parte Vilagarcía de Arousa”.
Impulsar o deporte
Valentín García sinalou que “o deporte foi un dos ámbitos de actuación prioritarios propostos pola Área Técnica da Rede e aprobados polo Consello de Membros, dentro da programación de actividades para 2012”. O secretario xeral recordou tamén que “a Rede de Dinamización Lingüística foi creada para deseñar e poñer en marcha accións de promoción social do galego nos diferentes ámbitos mediante dinámicas de traballo coordinadas, colaborativas e cooperativas. O aproveitamento dos recursos e das sinerxías xogan un papel primordial para poder así darlle ás accións da Rede maior visibilidade e proxección en todo o territorio”.
Ademais, García tamén aproveitou a visita ao concello para analizar con Alberto Blanco, experto en técnicas deportivas e promoción deportiva profesional, o labor feito concretamente no ámbito de baloncesto, por ser este especialmente relevante en Vilagarcía de Arousa e de gran interese para poder servir como modelo a outras entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.