A Xunta recoñece oito centros polas súas accións innovadoras de fomento do uso da lingua galega
Trátase dos colexios de Reboreda de Redondela, A Solaina de Narón e Plurilingüe Antonio Orza de Boqueixón, dos institutos Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, Martaguisela do Barco de Valdeorras e Ramón Cabanillas de Cambados e do Centro Integrado de FP Rodolfo Ucha de Ferrol
A maiores, concédeselle unha Mención de Honra ao Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña
Cada centro recibe unha dotación económica de 2.000€ e ao profesorado implicado outórgaselle unha certificación de Innovación Educativa de horas de formación
A Xunta de Galicia acaba de resolver o programa de Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística correspondentes ao curso 2022/2023, coa selección de oito centros que destacan polas súas propostas innovadoras para o fomento do uso da lingua galega, sobre todo entre a mocidade.
A comisión de selección valorou especialmente os proxectos en función do seu interese educativo, da súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade. Así mesmo, tivo en conta as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.
Os cinco centros seleccionados como excelentes reciben unha dotación económica de 2.000 euros. Ademais, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. No caso do de Mención de Honra, os docentes participantes no proxecto reciben unha certificación de accésit.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é animar o profesorado a desenvolver accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino.
Listaxe de centros
Proxecto |
Centro |
Concello |
provincia |
Musigalíza-te |
CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Premio de Innovación Educativa) |
Boqueixón |
A Coruña |
Rachando roles |
CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Premio de Innovación Educativa) |
Ferrol |
A Coruña |
IES Ricardo Carvalho Calero (Premio de Innovación Educativa) |
Ferrol |
A Coruña |
|
CEIP A Solaina (Premio de Innovación Educativa) |
Narón |
A Coruña |
|
Comer e ler en galego |
CIFP Paseo das Pontes (Mención de honra) |
A Coruña |
A Coruña |
A literatura galega á escena |
IES Martaguisela (Premio de Innovación Educativa) |
O Barco de Valdeorras |
Ourense |
Luces, cámara... A falar! |
IES Ramón Cabanillas (Premio de Innovación Educativa) |
Cambados |
Pontevedra |
3, 2, 1... Acción! |
CEIP Plurilingüe de Reboreda (Premio de Innovación Educativa) |
Redondela |
Pontevedra |