Rueda resalta a excelencia dos mellores expedientes galegos da ABAU e anímaos a continuar a súa formación nas Universidades da comunidade

Salienta a cultura do esforzo como o camiño axeitado para acadar a excelencia e lograr os obxectivos propostos, en consonancia cos bos resultados que ofrece Galicia nos principais indicadores académicos 

Destaca as oportunidades que ofrece Galicia para os universitarios, con 400 programas académicos e 134 graos, ademais das novas ofertas de Deseño, Aeronáutica e Información Cuántica

Recorda que as Universidades galegas son as máis accesibles de España, coas taxas de grao e máster conxeladas dende hai 13 anos

Ven, 23/06/2023 - 10:02
a

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou a excelencia dos mellores expedientes galegos de ABAU e animounos a continuar a súa formación nas Universidades da Comunidade. O titular do Goberno galego, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou no acto de entrega de premios aos estudantes da Comunidade que obtiveron as mellores notas na proba. 

O mandatario galego puxo en valor a cultura do esforzo que levou os premiados a obter os mellores expedientes de Galicia na ABAU e alentounos a seguir polo mesmo camiño para acadar a excelencia e lograr os obxectivos propostos. Recalcou que no acto celebrado no Multiusos Fontes do Sar non se valoraba só unha boa nota, senón tamén un talento brillante, un esforzo e un compromiso extraordinario. 

Alfonso Rueda convidounos a proseguir os seus estudos en Galicia porque Galicia precisa talento, pero tamén porque as Universidades galegas contan un amplo abano formativo para que escollan o seu futuro con total liberdade. De feito, os estudantes que no vindeiro curso comecen estudos universitarios na Comunidade poderán elixir entre 400 programas académicos e 134 graos, ademais das novas ofertas de Deseño, Enxeñería Aeronáutica ou Información Cuántica. A maiores, recordou que as Universidades galegas son as máis accesibles de España, coas taxas de grao e máster conxeladas dende hai 13 anos. 

O presidente da Xunta tamén destacou a calidade do sistema universitario galego como un valor máis para apostar por Galicia. Asegurou que era un “esforzo colectivo da sociedade”, que é a que financia a educación pública, e cuxos resultados avalan os principais indicadores académicos. De feito, Galicia é a terceira Comunidade con mellor nota en educación pública e coa menor taxa de abandono escolar nos seus mellores rexistros. Por outra banda, o informe PISA sitúa a educación pública galega xa non só como líder en España, senón tamén como referencia a nivel europeo.

Alfonso Rueda animou aos mellores expedientes da ABAU en Galicia a elixir o seu futuro guiados pola vocación, pola paixón e pola intuición, e amosouse convencido de que serán protagonistas do porvir da Comunidade.