A Xunta e o Instituto Camões colaborarán para certificar o nivel de portugués do alumnado galego

Con esta iniciativa quérese ampliar o proxecto piloto desenvolvido no curso 2021/22 co programa Camões Júnior, no que participaron estudantes de Secundaria

Máis de 5.000 persoas cursan ensinanzas de portugués en etapas obrigatorias e postobrigatorias e nas escolas oficiais de idiomas, catro veces mais que hai unha década

Mér, 31/05/2023 - 14:40
p

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia vai establecer unha colaboración co Instituto Camões que permita a certificación para o alumnado galego que curse lingua portuguesa no sistema educativo galego.

En resposta a unha pregunta no Parlamento, explicou que con esta iniciativa o Goberno galego quere ampliar o proxecto piloto desenvolvido no curso 2021/22 co programa Camões Júnior, grazas ao que 83 estudantes de Secundaria obtiveron o seu certificado de lingua portuguesa en distintos niveis entre o A1 e o B1 a superar as probas en liña.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que desde a aprobación da Lei 1/2014, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, o portugués foise consolidando no ensino galego, “de feito multiplicamos por catro o número de alumnado galego que estuda portugués en ESO e Bacharelato e os estudantes de portugués en ensinanzas obrigatorias e postobrigatorias e nas escolas oficiais de idiomas suman máis de 5.000”.

Incorporación en FP

Neste sentido, lembrou que a lingua e a cultura portuguesa están incluídas nos currículos educativos en Galicia, ademais de estar presente nas sección bilingües e como segunda lingua estranxeira nos colexios e institutos. “Ademais, neste curso 2022-23, incorporamos por vez primeira a aprendizaxe deste idioma aos ciclos de FP, con 198 alumnos”, destacou. A maiores, neste curso hai 1.069 estudantes de portugués en oito escolas oficiais de idiomas.

“Traballamos e seguiremos a traballar para fomentar a aprendizaxe do portugués e, por suposto, cumprindo o conxunto da Lei Paz Andrade”, dixo o conselleiro.