A Consellería de Cultura e Educación inicia o procedemento de avaliación dos investigadores Parga Pondal do ano 2007

Poden solicitar a avaliación 24 investigadores Parga Pondal, que están no quinto ano do programa

Os investigadores que superen a avaliación externa obterán unha certificación que recoñeza unha actividade científico-tecnolóxica destacada

Dom, 12/02/2012 - 09:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria - a través da Secretaría Xeral de Universidades- vén de iniciar o procedemento para a avaliación da calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica dos Investigadores contratados polas Universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao abeiro do programa de axudas Isidro Parga Pondal para o ano 2007 (antiga acreditación Manuel Colmeiro). En total serán 24 os investigadores que se poden someter a este procedemento de avaliación, a través da Instrución 1/2012 de 7 de febreiro. Deles, 9 corresponden á Universidade de Santiago de Compostela (USC), 13 á de Vigo (UVIGO), e 2 á da Coruña (UDC).

Deste xeito dáse cumprimento ao establecido nas bases que rexen o dito programa; segundo as que ao inicio do quinto ano de permanencia no programa - que agora comeza-, se levará a cabo o proceso de avaliación a partir da documentación requirida aos investigadores contratados, que se someterá á avaliación por comités avaliadores externos.

Procedemento

A avaliación levarase a cabo, baixo os principios xerais de obxectividade, independencia e calidade das avaliacións, por expertos externos ao Sistema Universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación que deben achegar os interesados nun prazo de 15 días.

Os expertos analizarán os currículos dos investigadores avaliando a súa produción científica, atendendo a aspectos tales como publicacións, documentos científico-técnicos, contribucións en congresos... Prestarase especial atención á capacidade do investigador para liderar grupos de investigación, liñas de traballo ou de obter financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro, ás patentes en explotación, e á súa actividade formativa, en especial a relacionada coa formación de doutores e a dirección de teses de doutoramento.

Os criterios de avaliación que se seguirán no proceso son os establecidos na Resolución de 20 de xullo de 2005, da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación, pola que se establecen os criterios de avaliación no Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora, tanto os relativos ao conxunto da súa traxectoria como os referidos aos catro últimos anos de actividade investigadora -que se corresponden cos da súa permanencia no Programa Parga Pondal-. Isto representa que os investigadores Parga Pondal 2007 pasarán a avaliarse cos criterios do programa estatal Ramón y Cajal.

Os investigadores acadarán unha avaliación positiva final cando se cumpran os criterios mínimos fixados para cada unha das fases sinaladas (totalidade da carreira investigadora e catro últimos anos). No caso de que a avaliación das dúas fases indicadas sexa positiva, a Secretaría Xeral de Universidades emitirá a correspondente certificación de cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica destacada, que supón o recoñecemento de ter realizado con aproveitamento o seu traballo no seo da comunidade científica.