O conselleiro de Cultura e Educación gaba o papel do colexio San Clemente e do IES Rosalía de Castro na formación de xeracións de galegos

Xesús Vázquez Abad presidiu hoxe o acto académico de conmemoración dos 400 anos do colexio e do 70º aniversario do instituto compostelán

O conselleiro agradeceu a dedicación dos 50 docentes xubilados hoxe homenaxeados

Sáb, 11/02/2012 - 14:10
San Clemente e do IES Rosalía de Castro
O conselleiro de Cultura e Educación gaba o papel do colexio San Clemente e do IES Rosalía de Castro na formación de xeracións de galegos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, gabou hoxe o papel do Colexio San Clemente e do IES Rosalía de Castro na formación de xeracións de galegos, ao longo da súa dilatada experiencia docente. Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia presidiu o acto académico de celebración dos 400 anos da Fundación do Colexio de San Clemente e 70 aniversario da creación do IES Rosalía de Castro, ambas institucións compostelanas de recoñecido prestixio no eido educativo galego.

Neste acto, no que tamén estivo presente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, rendeuse ademais homenaxe a 50 profesores xubilados do IES Rosalía de Castro - que recibiron cadansúa insignia de recoñecemento-, aos que Vázquez Abad agradeceu “unha vida de esforzo, dedicación e paixón dedicada ao alumnado”. “Sei que este empeño – dixo- supuxo unha implicación persoal que tanto a administración como a sociedade coñecemos e recoñecemos, conscientes de que, sen esa tarefa, non poderíamos ter o ensino público de calidade que merece a sociedade galega do século XXI”.

Un centro de vangarda

O conselleiro salientou ademais o privilexio do que gozaron os homenaxeados “ao desempeñar o seu labor entre os muros deste edificio que cumpre catrocentos anos de existencia e que acumula tanta historia”. Neste sentido fixo un repaso pola traxectoria do Colexio San Clemente, desde a súa fundación no século XVII ata o momento actual, no que a Consellería está a rematar as obras que permiten recuperar elementos do edificio orixinal.

Ademais Vázquez Abad fixo fincapé no esforzo que o IES Rosalía de Castro fai “por formar parte da vangarda educativa galega”. Non en balde, participa en programas punteiros da Consellería como o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras - pertence á rede de Centros Plurilingües de Galicia-, o Abalar, os contratos-programa ou os clubs de lectura. Así mesmo salientou o importante labor deste centro na creación “dunha cita literaria tan importante como os premios Arcebispo San Clemente de novela, que axiña cumprirán dezasete anos”, así como o galardón Bento Spinoza de ensaio.

Neste acto académico presentouse a publicación 400 anos do Colexio San Clemente/70 anos do Rosalía, editado co gallo de ambos os dous aniversarios. Ademais, varios ex alumnos e membros da comunidade escolar do instituto deron conta das súas vivencias no Rosalía. O programa completouse coa lección maxistral A Historia e a súa docencia no Bacharelato, reflexións a partir dun exemplo, a cargo do catedrático e investigador Xosé Manuel González Reboredo; e coa interpretación musical do alumno Iago Domínguez.

Actividades conmemorativas

Con este acto pecháronse as actividades de celebración destes aniversarios, que se iniciaron o pasado 18 de xaneiro co relatorio de Carlos Abellán Sociedade Amigos do País, Compostela e o Ferrocarril. No marco deste ciclo de conferencias o 25 de xaneiro José Manuel García Iglesias fíxose cargo do relatorio San Clemente e Compostela; e Antón Costa abordou o día 31 de xaneiro a Orde social e educación en Galicia: Inercias, modernización e cambio (1850-1930).

Os actos conmemorativos completáronse coa celebración de dúas exposicións, Por oír a unha rula dicir de amor, arredor da figura de Álvaro Cunqueiro; e 400 anos da Fundación do Colexio de San Clemente e 70 aniversario da creación do IES Rosalía de Castro. Neste mesmo marco presentouse o libro O Instituto Rosalía de Castro e o Colexio San Clemente.

O Colexio San Clemente acumula unha ampla traxectoria como centro de acollida de numerosas institucións, de feito a Sociedade de Amigos do País tivo sede no edificio, no que tamén se xestou a creación da Escola de Artes e Oficios, do Seminario de Estudos Galegos, e se impulsou a Exposición Rexional de 1909.