A Xunta elevará as axudas para a compra de libros e ampliará o vale para material escolar ás familias con renda ata 10.000 € per cápita

Rueda advirte que o contexto actual de inflación fai necesario “redoblar os esforzos” para axudar as familias na adquisición dos libros de texto

Salienta que se consolida o vale para material de 75 € para as familias con menos renda, mentres que as de ingresos superiores a 6.000 e iguais ou inferiores a 10.000 € recibirán un de 60 € por primeira vez

Destaca que se incrementará nun 40 % o número de alumnos beneficiados por estes vales de material, ao pasar de 95.000 a 130.000

De 3º de primaria a 4º de ESO as familias poderán beneficiarse do Fondo Solidario de Libros e obter case a totalidade de balde

No resto do ensino obrigatorio as axudas para a compra de libros experimentan unha suba xeneralizada e oscilarán entre os 160 € e os 270 €, en función dos ingresos de cada familia e das etapas en que estuden os seus fillos

Os escolares matriculados en educación especial recibirán unha axuda de 300 €

Xov, 04/05/2023 - 19:30
f

O presidente da Xunta, Afonso Rueda, anunciou hoxe que, co obxectivo de axudar as familias ante o contexto de inflación, o Goberno galego incrementará no novo curso escolar 2023/24 as axudas para a adquisición de libros de texto. Ademais, adiantou que se estendará o vale para material escolar a todas as familias con renda per cápita da unidade familiar igual ou inferior aos 10.000 euros, xa que lembrou que, ata momento, esta axuda só a percibían as rendas iguais ou inferiores aos 6.000 euros. Deste xeito, salientou que se incrementará nun 40 % o número de alumnos beneficiados por estes vales de material, “ao pasar de 95.000 a 130.000”, precisou.

“No momento actual de inflación faise moito más necesario redoblar os esforzos para axudar as familias”, argumentou Rueda para defender esta medida que suporá, segundo concretou, destinar case 26 millóns de euros a estas achegas e ao Fondo Solidario de libros e que benefeciará o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso escolar.

O mandatario galego explicou que, neste curso 2002/23, o 73 % do alumnado de centros públicos recibiu este curso axudas para libros (do fondo solidario, para mercalos ou libros dixitais) e un 60 % tivo un vale para mercar material escolar, “e agora con estas medidas a achega será sensiblemente máis elevada”, puxo en valor Rueda.

Ampliación das familias beneficiaras do vale de material escolar

O presidente da Xunta apuntou que a principal novidade no sistema é a ampliación do vale de material escolar a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000 euros. Para iso, replicando o funcionamento das axudas para a compra de libros, establécense dous tramos de renda. 

No primeiro deles, rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 euros, consolídase o vale de 75 euros, reforzado o pasado setembro (antes eran 50 euros) para facer fronte á subida de prezos. No segundo, de nova incorporación nesta convocatoria e que comprende as rendas superiores a 6.000 € e iguais ou inferiores a 10.000 euros, o vale será de 60 euros por alumno.

No caso do alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario do vale de 75 euros con independencia da renda.

Axudas á compra de libros

O funcionamento das axudas para a compra de libros mantense invariable, cos mesmos tramos de renda, pero o presidente da Xunta salientou o incremento xeneralizado nas contías, que oscilarán entre os 160 € e os 270 euros, fronte aos 140 euros e os 240 euros do curso pasado. Cómpre lembrar que estas subvencións abranguen os dous primeiros cursos de primaria, en que os libros non son reutilizables. Concédense tamén ás familias con fillos con necesidades específicas de apoio educativo, e en toda a educación especial.

Para os escolares de 1 e 2º de primaria, a axuda continuará dependendo da renda per cápita da unidade familiar. No primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000 €) será de 240 euros (ata agora eran 210), mentres que no segundo tramo (renda superior a 6.000 euros e igual ou inferior a 10.000 euros) será de 160 euros (140 € na última convocatoria).

 

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar libros do fondo, hai axudas para todos os cursos de primaria e ESO. Na etapa de primaria, as familias do primeiro tramo de renda percibirán 240 € por fillo (ata o momento 210 euros) e as do segundo 160 euros (140 na anterior convocatoria). Na etapa de ESO, as familias do primeiro tramo de renda poderán acceder a unha axuda de 270 euros (240 euros ata agora) e as do segundo tramo a 180 euros (160 euros na última convocatoria).

Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso en que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

O alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos, en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, recibirá 300 euros, con independencia da renda per cápita da unidade familiar. Ata o momento percibían 275 euros. 

Fondo Solidario de Libros

En xeral, salvo as especificidades xa sinaladas para a educación especial e o alumnado con necesidades específicas, desde 3º de primaria a 4º de ESO funcionará o Fondo Solidario de Libros. A asignación de libros de texto farase, ao igual que en cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da súa renda familiar. 

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro. Será requisito fundamental para acceder ao Fondo Solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros do curso anterior.

Ademais, e para os casos en que o centro educativo debe adquirir algún libro para o Fondo Solidario por non seren suficientes para cubrir a asignación os existentes, a Xunta incrementa en 5 euros o importe máximo que aboará por cada libro complementario, que ascende a 40 euros en primaria e a 45 euros na ESO.