A Xunta abre a IV Enquisa sobre convivencia nas aulas, que se poderá cubrir desde hoxe ata o 22 de maio

Román Rodríguez subliña que se trata do maior macrocuestionario “que se fai en Galicia neste ámbito” e anima ás 500.000 persoas que conforman a comunidade educativa a participar na mesma

Lembra que é unha ferramenta “fundamental” xa que permite testar a evolución da convivencia ao longo do tempo e, deste xeito, “implementar medidas específicas axeitadas á realidade”

Está aberta a familias, docentes e persoal non docente vinculado aos centros educativos, así como alumnado a partir de 5º curso de Primaria

Accédese a ela a través dunha aplicación informática e cunhas claves aleatorias que a dirección de cada centro entrega aos seus membros

Mar, 02/05/2023 - 17:59
e

Desde hoxe ata o 22 de maio a Xunta abre ao conxunto da comunidade educativa a IV edición da Enquisa de Diagnose da Convivencia Escolar 2023, tal e como expuxo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao colexio Apóstolo Santiago, na capital de Galicia, co gallo do Día Internacional contra o acoso e o ciberacoso.

Román Rodríguez subliñou que esta é “a maior mostra deste ámbito” que se realiza na Comunidade Autónoma, xa que está dirixida a arredor de 500.000 persoas que conforman o conxunto do sistema educativo galego” entre familias, alumnos a partir de 5º de Primaria, docentes e persoal non docente vinculado aos centros educativos de todas as etapas (Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP, escolas de idiomas e conservatorios de música e centros de ensinanzas artísticas).

O conselleiro aproveitou a visita ao colexio compostelán para animar a cubrir os cuestionarios en liña, un proceso do que destacou que é “totalmente privado, anónimo, seguro e sinxelo”. Subliñou tamén a importancia desta enquisa como “unha ferramenta imprescindible” para testar a evolución da convivencia nas aulas e, a partir dos datos obtidos, “poder implementar medidas específicas axeitadas á realidade”. Aínda que os últimos datos arroxan que nos centros escolares galegos non existen problemas de convivencia agás casos moi puntuais, o titular de Educación asegurou que “non debemos baixar a garda en ningún momento” e amosou o seu “claro compromiso” con este asunto.

Claves de acceso

A enquisa cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes.

Desta forma, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas…). A maiores, as familias, a través de Abalar móbil, reciben un aviso sobre a dispoñibilidade da enquisa.

Bloques de preguntas

Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas das tres edicións anteriores, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas. Aínda que nesta edición os cuestionarios estarán fragmentados por etapas. Isto é, para alumnado de Educación Primaria, para Educación Secundaria Obrigatoria e para Ensino Postobrigatorio (ata o de agora tan só se diferenciaba entre ensino obrigatorio e postobrigatorio).

Non obstante, por primeira vez, este ano incorpórase un bloque específico de preguntas do ámbito da igualdade, outro relacionado coas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación, e un terceiro sobre orientación vocacional.

A maiores, exclusivo para o alumnado de Ensino Secundario e Postobrigatorio inclúese un bloque de grooming e sexting.

Informes individualizados

Este cuestionario bianual é unha das accións  enmarcadas dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, que dá continuidade ás realizadas en 2015, 2019 e 2021.

A partir dos datos recompilados, a Consellería elaborará un Informe de Diagnose de convivencia escolar en Galicia, así como informes individualizados que entregará aos centros educativos para que poidan analizar e valorar o estado da convivencia no seu centro e establecer os plans de mellora correspondentes.