A Xunta e os sindicatos do ensino asinan un acordo para axilizar a cobertura das interinidades e substitucións

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asiste á sinatura dunha nova addenda que se adapta aos últimos lexislativos

Medran os dereitos relativos á conciliación da vida laboral e familiar á hora de poder renunciar aos chamamentos

Evítase que as persoas que figuraban nas listaxes do corpo de profesores técnicos de FP saian do sistema, establecendo o seu paso directo ás listas que correspondan

Establécese unha formación inicial obrigatoria para o persoal interino e substituto cando sexa nomeado por primeira vez, que inclúe prevención de riscos laborais

Ven, 31/03/2023 - 13:10
e

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as organizacións sindicais do ensino asinaron esta mañá un importante acordo para melloras as condicións de acceso e traballo do persoal docente interino e substituto na nosa Comunidade. O conselleiro Román Rodríguez asistiu esta mañá ao acto de formación deste acordo, que consolida a Galicia como unha das CCAA que máis e mellores garantías ofrece a este persoal docente.

O novo texto avanza no referido á axilidade na cobertura das interinidades e substitucións e adáptase aos últimos cambios lexislativos. Ademais, medran os dereitos relativos á conciliación da vida laboral e familiar á hora de poder renunciar aos chamamentos e, en xeral, amplíanse os supostos para rexeitar un posto sen perder orde de lista, modificando os relativos á ampliación de estudos e incorporando o de estar traballando por conta propia

Asinaron o documento, ademais do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, José Manuel Fuentes Fariña, en representación de Comisións Obreiras; Julio Díaz Escolante, en representación de ANPE; Sandra Montero Nogareda, en representación da UGT, e José Carlos Fernández Balado, en representación da Central Sindical Independente e de Funcionarios.

Novo baremo

No referido á cobertura das vacantes, establécese un sistema máis rápido de baremación das correspondentes listas, cando sexa necesaria a súa convocatoria por esgotarse as dispoñibles. Neste sentido, logo de comunicación ás organizacións sindicais, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose como baremo a nota media da titulación exixida para cada especialidade para a incorporación ás listas de interinidades e substitucións. Ata o momento empregábase como baremo o publicado na fase de concurso do último concurso-oposición convocado.

No suposto de extrema urxencia, a Administración educativa poderá realizar os chamamentos para a cobertura das interinidades e substitucións, utilizando a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, por orde de puntuación.

Posibilidades de renuncia

O acordo inclúe, por outra banda, máis supostos para a renuncia sen perder orde de lista. Deste xeito, amplíanse as prazas de aceptación voluntaria para o profesorado, incorporando os centros de menores e as prazas de atención domiciliaria.

Tamén no apartado relativo ás renuncias, medran os dereitos relativos á conciliación da vida familiar e laboral, adaptándose ao xa establecido na regulación das comisións de servizos por este motivo de conciliación da vida familiar e laboral, e modifícanse os supostos que permiten acollerse á ampliación de estudos. Asemade, a posibilidade de acollerse a non prestar servizos por motivos de contrato de traballo adáptase á nova normativa do Estatuto dos Traballadores e incorpóranse os traballadores por conta propia. Neste último caso deberá acreditarse esta situación mediante a alta no Réxime Especial de traballadores por conta propia ou autónomos durante un período mínimo de seis meses anterior ao chamamento.

Tamén poderá alegar non ser chamado o persoal que xustifique estar impartindo cursos de formación relacionados coa lingua galega ofrecidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Profesores técnicos de FP

No que atinxe á adaptación aos cambios lexislativos, determínanse que prazas se consideran non estruturais nos centros educativos, dado que non lle será de aplicación a limitación temporal de tres anos para o nomeamento de persoal interino, contida no Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Emprego Público.

Ademais, despois de que a LOMLOE declarara a extinguir o corpo de profesores técnicos de FP, garántese a continuidade do persoal interino nas correspondentes listas, evitando así que persoas que levan anos no sistema educativo saian del.

Deste xeito, as persoas que figurasen na lista do corpo a extinguir pasarán agora ás do corpo de profesores de ensino secundario ou no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional, na mesma orde que tiñan ata o momento. Tamén se garante a provisión de postos de traballo do profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de Formación Profesional, que concorreran ás mesmas prazas cos catedráticos e profesores de ensino secundario, ou do corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, en función das especialidades.

Finalmente, establécese unha formación inicial obrigatoria para o persoal docente interino e substituto cando sexa nomeado por primeira vez, que incluirá formación en prevención de riscos laborais. O curso, de 30 horas de duración, poderá rematarse voluntariamente aínda no suposto de que a persoa interina ou substituta cese antes da súa finalización.