A Directora Xeral de FP pon en valor o espírito emprendedor do instituto de Vilamarín en prol dunha maior empregabilidade
Eugenia Pérez salienta a aposta da Xunta a través do Plan Eduemprende e dos viveiros de empresa
Sinala o centro como un referente nas ensinanzas da familia profesional de Hostalaría e Turismo
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou na II Xornada de Emprendemento do Instituto IES Vilamarín, un encontro que salientou como “unha aposta por seguir incrementado as xa altísimas cifras de empregabilidade da FP galega, neste caso desde a propia iniciativa autónoma dos estudantes”. Non en balde, ao longo da mañá os participantes no encontro asisten aos relatorios de ex alumnos do centro sobre a súa experiencia no mercado laboral e no emprendedurismo.
A directora xeral puxo en valor esta iniciativa para promover que os titulados da FP galega se animen a iniciar os seus propios proxectos de negocio. “Un espírito que desde a Xunta de Galicia levamos unha década impulsando a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, e que facilitamos na rede de viveiros de empresa que temos despregada en 28 institutos e centros integrados de FP dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A representante da Xunta sinalou, ademais, o instituto de Vilamarín como un dos centros de referencia de Galicia nas ensinanzas de FP da familia profesional de Hostalaría e Turismo, das que imparte case a totalidade da oferta formativa dispoñible. O centro forma parte, ademais, da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría, na que os oito centros participantes intercambian servizos e experiencias que favorecen o impulso dun sector que é clave para a economía de Galicia e que, de feito, está incluído nos sectores de referencia do Plan Conecta FP.