A Consellería de Cultura e Educación continúa a tramitar o expediente de validación de pago aos colaboradores de comedores escolares

O pagamento tramitarase unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta

Ven, 03/02/2012 - 16:42

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a tramitar o expediente de validación de pago das compensacións económicas pola colaboración nos comedores escolares durante o primeiro trimestre do curso escolar.

Cómpre recordar, unha vez máis que o expediente debe pasar polo Consello da Xunta, e tras a súa validación procederase á tramitación dos pagamentos aos colaboradores. Para isto é necesaria a previa apertura do exercicio económico de 2012, que se demorou por causa da necesidade de agrupar as dúas oficinas contables das antigas consellerías de Educación e Cultura nunha única, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

En calquera caso, estas compensacións non se perciben con periodicidade diaria, semanal ou mensual, senón de forma trimestral, tendo en conta ademais que a mobilidade e substitucións entre colaboradores é unha tónica habitual.

Cómpre lembrar que estas compensacións- que oscilan entre os 9,39 e os 12,46 euros-son aboadas a aquelas nais, pais e directores de centros escolares que deciden, de forma voluntaria, participar no desenvolvemento de labores de colaboración desinteresada e altruísta no comedor escolar. Con elas a Consellería compensa os gastos derivados do desprazamento ata o centro escolar, así como a súa colaboración