A directora xeral de Innovación Educativa destaca o módulo bioclimático do IES As Lagoas como unha iniciativa pioneira en Galicia

O proxecto promove a transmisión de valores para un futuro máis respectuoso co medio ambiente

O centro desenvolve o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía desde o curso 19/20, en colaboración coa Universidade de Vigo e coa Deputación de Ourense

Xov, 02/02/2023 - 19:28
o

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron esta tarde na presentación do módulo bioclimático do instituto IES As Lagoas, en Ourense. Un proxecto desenvolvido no marco do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que comezou a súa andaina no curso 2019/2020 coa colaboración da Universidade de Vigo e da Deputación de Ourense.

A representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o innovador desta iniciativa, “pioneira na Educación Secundaria en Galicia, cuxos obxectivos aseguran a transmisión de valores para un futuro máis respectuoso co medio ambiente e coa sa vida do planeta”. Ademais, puxo en valor o traballo do profesorado na formación destes alumnos, que se ocuparon de xeito case íntegro da planificación e deseño do módulo, contando con recursos externos só para os aspectos máis complexos da construción.

Lugar de experimentación

O STEMBach do instituto As Lagoas está orientado á temática da construción, bioclimatización e eficiencia enerxética dos edificios. O módulo bioclimático é o gran proxecto deseñado e realizado por varias promocións de alumnos para poñer en práctica os conceptos e ideas traballados na materia de afondamento en bioconstrución.

 O proxecto consiste no deseño e planificación dunha pequena construción bioclimática dun só espazo, incluíndo tanto o deseño como a análise dos materiais e a propia edificación. Este espazo convértese agora no lugar onde o alumnado do Bacharelato de excelencia pode realizar os seus proxectos de investigación, así como nun obradoiro de experimentación científica e técnica que facilita experiencias prácticas adaptadas a todos os niveis das ensinanzas académicas do Instituto.

 Neste momento os estudantes están a facer un estudo de cambio de temperaturas e humidade en casas pasivas. Nunha segunda fase instalaranse sistemas enerxéticos de calefacción e de electrificación, configurando unha construción con autosuficiencia enerxética.

Desde o ano 2020 os alumnos de STEMBach das Lagoas desenvolveron varios proxectos en colaboración coa Universidade de Vigo, que deron como resultado a iluminación dunha casa en miniatura con led alimentado pola enerxía mecánica das ondas do mar, a elaboración de pintura sostible, a análise da resistencia de diferentes tipos de madeira ou a instalación dunha placa solar no tellado do instituto, entre outros. 

No curso actual, ademais do devandito módulo de bioclimático, colaboran tamén en proxectos arredor da construción e proba dun xerador eólico, análise da degradación das madeiras ao exterior tratadas ou de estudo comparativo de bioconstrucións.