O Consorcio Audiovisual de Galicia, apoiado pola Consellería de Cultura e Educación, promociona curtas galegas no festival Clermont- Ferrand

Será presentado o compendio das mellores curtametraxes galegas dos últimos dous ano “Shorts from Galicia”

Entre as obras da publicación, destaca ‘Birdboy’, candidata aos próximos premios Goya á mellor curta de animación

Lun, 30/01/2012 - 13:45
O Consorcio Audiovisual de Galicia, apoiado pola Consellería de Cultura e Educac
O Consorcio Audiovisual de Galicia, apoiado pola Consellería de Cultura e Educación, promociona curtas galegas no festival Clermont- Ferrand

A Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia participa na 27 edición do Mercado Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand como parte do programa do 34º festival francés.

Cómpre sinalar que é o encontro máis importante a nivel europeo no seu xénero, e o Consorcio Audiovisual de Galicia participa promocionando a produción galega de curtas entre profesionais e representantes do sector procedentes de todo o mundo.

A entidade galega comparte stand en colaboración coa Agência da Curtametragem Portuguesa, como mostra da boa relación que une ao audiovisual dos dous territorios veciños, co fin de dar a coñecer conxuntamente a súa produción en pequeno formato. Para iso, promoverán varias actividades entre as que se atopan unha “Happy Hour” e a “Portuguese & Galician Party” que terán lugar mañá martes e nas que o Consorcio aproveitará para presentar o novo catálogo “Shorts from Galicia 2012”. A través destas accións preténdese dar a coñecer, de maneira amena e distendida, o que se fai en Galicia e Portugal a nivel de curtametraxe ante os distribuidores, compradores, canles de tv e profesionais acreditados no mercado.

Catálogo“Shorts from Galicia”

O catálogo “Shorts from Galicia 2012”, compila sete curtametraxes galegas producidas nos últimos dous anos e seleccionadas coa colaboración dos tres festivais de curtas máis relevantes de Galicia (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu), nos que estas obras resultaron gañadoras e/ou finalistas.

As curtametraxes que o compoñen son Radiografía dun autor de tebeos (de Marcos Nine); Amistad (de Alejandro Marzoa); Gato encerrado (de Peque Varela); Birdboy (de Pedro Rivero e Alberto Vázquez); Estereoscopía (de Xacio Baño); Vicenta (de Sam Orti) e ¿De qué se ríen las hienas? (de Javier Veiga). Entre elas acumulan un total de 86 premios e unha traxectoria de preto de 260 seleccións en diversos certames, destacando a recente candidatura de Birdboy para os Goya deste ano na categoría de mellor curtametraxe de animación.

Esta publicación supón unha escolma representativa do traballo que se está a facer na nosa comunidade a nivel de pequeno formato nos seus diferentes xéneros (ficción, animación e documental). Consta dun DVD coas sete producións en versión orixinal e subtítulos dispoñibles en inglés e castelán, así como as fichas técnico-artísticas das curtametraxes e as biofilmografías dos directores nos dous idiomas. Para a súa promoción, o catálogo distribuirase nos festivais e mercados de referencia de todo o mundo nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia,  institucións involucradas na comercialización, programadores cinematográficos, así como televisións, organismos e profesionais relacionados co mundo da curtametraxe. Ademais, habilitarase unha versión dixital na nova web do organismo que será presentada proximamente.

Con esta iniciativa a Consellería de Cultura e Educación, a través do Consorcio, contribúe á difusión dun formato, o da curtametraxe, que non chega de forma sinxela ao público, ao non ter un acceso habitual ás canles de distribución e exhibición comercial.

Escaparate internacional para o audiovisual galego

O Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, certamen que se vén celebrando con grande éxito de convocatoria e público dende hai máis de 30 anos na cidade francesa do mesmo nome, é o máis prestixioso a nivel europeo e un dos principais do mundo no seu xénero. Para esta edición, o festival contará con máis de sete mil filmes de 120 países, para os que o mercado supón un enorme expositor, ao reunir aos principais distribuidores, programadores e compradores de toda Europa.

Menús News node R

Tema